Marco Garcés defende a aposta do Celta "por xogadores galegos e da canteira"
Marco Garcés, director de Fútbol do Celta, analizou esta terza feira os movementos realizados polo club no mercado de inverno. A entidade celeste fechou o mercado de fichaxes con cinco saídas e dúas chegadas. O último movemento foi a venda de Douvikas ao Como italiano por 14 millóns. Con anterioridade deixaron Balaídos Jonathan Bamba, Tadeo Allende, Luca de la Torre e Joseph Aidoo. E incorporáronse El-Abdealloui e Iker Losada.
Garcés recoñeceu que con estes movementos no mercado de inverno “o posto de nove pode quedar debilitado, mais é suficiente” para rematar a tempada. Admitiu que buscaron outras opcións no mercado internacional mais matizou “Non estou de acordo en fichar por fichar, nunca sae ben”.
Para o director deporivo celeste, a saída máis sorpresiva foi a de Tasos. Neste caso xustificou a decisión por xogar "un 36 %, pero a tendencia era á baixa". En tofo caso, sinalou que "os seus minutos vainos absorber Pablo Durán e os que queden ou Borja Iglesias ou con Fer López ". Preguntado pola reacción do adestrador sobre esta marcha, Garcés aclarou que "Claudio está tranquilo".
E relación ao malestar que causa na afección a falta de reforzos, Garcés retrucou que “a xente quere que sexamos valentes e que apostemos por xogadores galegos, da canteira”.
Malia fechar o mercado oficial de inverno, o responsábel deportivo do Celta deixou aberta a porta á incorporación “dalgún xogador que estea libre, mais polo de agora non atopamos ningún”.
O Dépor analiza as fichaxes
O Deportivo fechou o mercado de xaneiro con catro incorporacións; Tosic, Diego Gómez, Zakaria Eddahchouri e Denis Genreau.
esta terza feira tamén compareceu na Coruña o director deportivo do Dépor, Fernando Soriano. Alén de tratar temas como a saída de Lucas Pérez, fixo balance do mercado de inverno. “Veu condicionado pola situación de Yeremay, que era a que máis nos podía facer cambiar os plans e os tempos”, asegurou en rolda de prensa, “sobre todo o movemento deportivo que ocasionaba, e logo a nivel económico”, agregou.
Soriano recoñeceu que a súa saída marcaría as opcións do club herculino mais “tanto o club como Yeremay tiñan claro que este camiño debía seguir facéndose unidos”. Unha vez resolto ese tema, a entidade centrouse nas posíbeis fichaxes.
“Nun primeiro momento, a planificación ía sobre todo por reforzar a parcela do 8 que nos dese algo diferente ao que daba Villares. Denis Genreau é un xogador quizá non de moita estatura, pero moi dinámico e bo trato de balón que nos dará esa función”, afirmou o técnico.
Nos postos de arriba recoñeceu que “viñamos seguindo a Zaka de tempo atrás, a tempada pasada o número de goles era rechamante e cando se deu a opción no mercado, vimos aconsellábel a súa fichaxe mirando a futuro. E Tosic foi a última hora tras a decisión de Escudero de pasar polo quirófano”.


