A Malata apela á ilusión para imporse ás estrelas húngaras do DVTK Miskolc e seguir soñando

Noa Morro (á dereita) pugnando por un balón coa xogadora do Ardoi Ine Joris na vitoria do Uni Ferrol do pasado sábado (71-49). (Foto: Sandy López)
Alcanzar os oitavos de final da Eurocup era algo impensábel para o Uni Ferrol antes de comezar a tempada. Mais as xogadoras de Lino López manteñen vivo o seu soño europeo e reciben hoxe un dos pesos pesados do continente, o DVTK Miskolc húngaro.

Comeza o ano o Baxi Uni Ferrol como o rematou, coa ilusión europea intacta. Esta quinta feira chega o partido de ida dos oitavos de final da Eurocup, unha eliminatoria na que participar xa é todo un fito para o equipo ferrolán, que deleita a cidade co seu xogo nesta andaina europea que ninguén quere que remate.

A Malata ten esta quinta feira, a partir das 20 horas, unha cita e un importante reto: conseguir na casa un bo resultado que faga que a vindeira semana, no partido de volta, o equipo visite as terras húngaras coas máximas posibilidades de clasificarse para, nada máis e nada menos, uns cuartos de final de competición europea. A xesta non será doada, mais o equipo "está moi ilusionado”, afirma o seu adestrador, Lino López, en conversa con Nós Diario. “Xogar uns oitavos de final contra un equipo como o DVTK Miskolc, que provén directamente da primeira fase de Eurocup, que é considerado pola FIBA como o número 4 do ránking da competición… obviamente o seu nivel é tremendo”, admite.

Porén, desde o club poñen en valor “o que supón un partido como este para o equipo, mais tamén para a cidade de Ferrol". "Poder desfrutar dunha eliminatoria de oitavos de final europea... O equipo está moi ilusionado e traballando moi ben, con ganas de que chegue o partido e de que ás 20 horas na Malata se viva un cheo histórico para un partido de primeiro nivel", prosegue Lino López.

Lino López advirte do Miskolc que é "moi duro a
nivel defensivo".

Gañar non será doado. O DVTK Miskolc non só é o cuarto clasificado da táboa da Eurocup que manexa a FIBA, senón que ademais os seus números nesta tempada tamén avalan o seu estado de forma e as súas credenciais. Dos 14 partidos da liga húngara que se disputaron até o momento na presente campaña, o equipo de Miskolc só perdeu dous, colocándose como o líder indiscutíbel da competición. E é, ademais, o conxunto que menos puntos recibe en contra, o que evidencia unha gran solidez na súa faceta defensiva. “Son moi duras, ás rivais cústalles moito anotarlles. E a iso únense unhas xogadoras moi versátiles. Vai ser un partido tremendamente complicado”, advirte, sen paliativos, o técnico ferrolán.

Ademais, o equipo húngaro vén directamente de competir na Euroliga –a máxima competición europea–, á que non clasificou ás roldas finais este curso por pequenos detalles, “mesmo por mala sorte", matiza López. "Ía gañando no seu partido de Euroliga e perdeu nos últimos segundos… é un equipo con moitas xogadoras internacionais e con recambios de gran calidade para todas as posicións, con moito físico… e, ademais,téñeno moi ben adestrado” valora o adestrador do Uni Ferrol.

Para competirlle a un equipo como este temos que facer moitas cousas ben, tanto no eido defensivo coma no ofensivo, e, ademais, confiar en que elas –as rivais– non teñan un gran día”, analiza un López que, porén, confía en contar hoxe tamén con argumentos de peso en favor das ferrolás grazas ao 'factor cancha': “A ilusión que teñen as nosas xogadoras vai suplir moitos déficits que pode que teñamos con respecto a rivais desta calidade”.

As chaves do encontro

Unha das xogadoras nas que sen dúbida terá que apoiarse o Uni Ferrol é Àngela Mataix, base do equipo ferrolán que está a facer unha tempada de mérito e que comparte tamén a ilusión do resto do cadro de xogadoras que apunta o adestrador. “Estamos moi contentas do traballo que levamos feito en Europa. A verdade é que estamos moi felices e con gañas de seguir e de vivir na Malata outra noite Europea”, admite Mataix. “O equipo está ben, é certo que grazas ao Nadal puidemos ter máis descanso e iso axudounos tamén a recuperar forzas para estas próximas xornadas de Eurocup”, comenta a base, sobre a participación do equipo esta tempada en dúas competicións de forma simultánea –Liga e Eurocup–, o que supón un esforzo extra para as xogadoras. “Son moitos partidos, moitos minutos, pero ao final estamos ben, con ganas e facendo unha boa preparación dos partidos”, asegura.

Mataix, coma Lino, coincide na dificultade que presentan as húngaras: "É un equipo con moito ritmo e que ademais ten grandes xogadoras. Será un partido moi difícil. Exixiranos estar moi ben en defensa, no rebote, para poder competirlles”. Porén, en Ferrol contan cun ingrediente chave, a ilusión. “No verán nin sequera sabiamos se iamos xogar ou non esta competición. Agora estamos en oitavos. Xogar a Eurocup exíxenos un esforzo extra pero é unha experiencia que a todas nos gusta vivir e que ademais nos axuda a medrar como xogadoras. É unha competición máis dura que a liga estatal, na que se permite máis contacto, e iso tamén nos axuda a mellorar en dureza”, valora positivamente a base.

"Para as rivais é difícil xogar na Malata", destaca Àngela Mataix.

Mais, alén da ilusión das xogadoras e do corpo técnico, en Ferrol poden dicir que contan con outro elemento diferencial: a afección. “En todos os partidos están connosco, axúdannos en todos os encontros na Malata. Cremos que para as rivais é moi difícil xogar aquí; a afección pónllelo moi complicado, sostén Mataix.

Para este encontro o Uni Ferrol chega con todas as súas xogadoras dispoñíbeis, mais con Blanca Millán e Joiner Moira “entre algodóns". "Iso fixo que houbese sesións de adestramento nas que non puidemos contar con todas as xogadoras”, admite Lino López, quen, porén confirmou a presenza das dúas no partido de hoxe ante o Miskolc.

Gañar é o obxectivo do Uni Ferrol; desfrutar o camiño, unha obriga

"Gañarlles é o obxectivo, pero hai que ser realistas. O que temos é que desfrutar de cada día que pasamos nesta competición e das rivais contra as que xogamos”, sentencia Lino López, en declaracións a Nós Diario, ao ser preguntado polas posibilidades do equipo ferrolán. “Veremos na Malata xogadoras do primeiro nivel mundial, creo que iso xa é un éxito para todos. Evidentemente, nós somos moi competitivas, queremos dar o máximo, e logo xa veremos até onde podemos chegar. Mais pensar en gañar a un equipo deste potencial só por xogar na casa… Temos que ter os pés no chan aínda que queiramos ser competitivas contra todos os equipos e asegurando que daremos hoxe o máximo; despois, xa se verá”, precisa o técnico.

O reto ante o Miskolc húngaro é, sen dúbida, o maior no que vai de competición, se ben a anterior eliminatoria xa fora complexa para as ferrolás, que tiveran que derrubar todo un Castors Braine. E na fase de grupos o Uni Ferrol tivo que medirse co potente Galatasaray turco.

Aínda así, en Ferrol tirar a toalla non está sobre a mesa. “Nós imos buscar todas as opcións. Traballamos preparando o mellor posíbel o partido e sabendo que, a diferenza da fase de grupos, cada acción conta”. En calquera caso, no equipo ferrolán non agardaban antes de comezar a tempada ter a estas alturas a permanencia bastante encarrilada na Liga e, moito menos, estar a competir nuns oitavos de Eurocup. Como apunta Lino López, é momento de desfrutar.