Unha mala segunda metade cústalle a eliminatoria de Copa ao Deportivo

Os branquiazuis foron superiores na primeira parte. Logo da súa eliminación, os únicos galegos vivos no torneo do KO son Pontevedra e Lugo, que xogan mañá.
O Dépor perdeu 0-1 co Alavés (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O Dépor perdeu 0-1 co Alavés (Foto: RC Deportivo).

Segundo equipo galego eliminado da Copa do Rei. O Deportivo da Coruña caeu en Riazor (0-1) ante o Alavés nun partido nos que os branquiazus plantaron cara a todo un Primeira División nos primeiros 45 minutos.

Non obstante, a falta de gol -e, por que non dicilo, de ambición- que leva penalizando o conxunto dirixido por Fernando Vázquez durante toda a tempada volveuse notar neste encontro, e despois do descanso os vascos botáronse arriba até que Luis Rioja, no minuto 76,  anotou o primeiro e único tanto da eliminatoria.  

Pontevedra e Lugo queren dar a sorpresa

Os únicos equipos galegos que quedan por competir nesta segunda rolda da Copa do Rei son o Pontevedra Clube de Fútbol e o Clube Deportivo Lugo.

O conxunto granate recibe hoxe ás 19 horas en Pasarón o Cádiz -verdugo do CD Ribadumia na primeira fase-, e a visita do décimo clasificado da Primeira División non pode chegar en peor momento para un Pontevedra que no día de onte informaba do primeiro caso de Covid-19 detectado entre o seu cadro de xogadores.

Os do Lérez non deron a coñecer o seu nome, pero si informaron de que "volveu contaxiado das vacacións". Non obstante, o resultado das probas PCR aplicadas sobre o resto dos seus compañeiros deu negativo, polo que o partido de Copa poderá desenvolverse con normalidade. 

O Lugo, pola súa banda, visita o campo do Girona ás 21 horas de hoxe para un partido no que Mehdi Nafti tratará de equilibrar o seu desexo de "dosificar" os homes máis habituais sen renunciar a "por un equipo moi competitivo sobre o céspede".

Porque, lonxe de tirar a Copa, Nafti mesmo traballou os lanzamentos desde o punto de penalti durante a semana, aínda que agarda "non chegar a eles".

Comentarios