mércores 20/01/21

'Resacón' do Celta de Vigo en Ibiza

Un Celta irrecoñecíbel caeu eliminado na segunda rolda da Copa do Rei despois de sufrir unha durísima derrota a mans da Unión Deportiva Ibiza por 5 goles a 2. 
O Celta xogou coa equipación suplente ante un equipo que tamén viste de celeste (Foto: RC Celta).
O Celta xogou coa equipación suplente ante un equipo que tamén viste de celeste (Foto: RC Celta).

Advertímolo na previa: este era un partido trampa para o conxunto celeste. A pesar de que o seu rival milita na Segunda División B, ten un poderío económico que lle permite contar nas súas filas con xogadores de primeiro nivel, leva seis meses sen coñecer a derrota e agora mesmo é, indiscutibelmente, o mellor dos 102 equipos que conforman a categoría de bronce.

Por todo isto non se entende a actitude coa que os do Chacho Coudet saltaron ao céspede artificial do Estadi Can Misses, superficie que nada tivo que ver na chosca apañada pola Celta.

A languidez, a apatía e, por que non dicilo, a soberbia coa que afrontaron os instantes iniciais de partido os xogadores galegos axiña foi castigada (minuto 12) cun tanto dos ibizencos, convertido por Castel logo dun gran centro lateral de Javi Lara.

Lonxe de provocar unha reacción, os vigueses desapareceron aínda máis se cabe do partido, tendo como consecuencia o segundo tanto da UD Ibiza, anotado de novo por un Castel que tivo a sorte de que o seu disparo petou no debutante Aaron Martín, desviando o balón o suficiente para descolocar por completo Iván Villar, que tampouco foi quen de evitar o terceiro (minuto 29) e o cuarto gol dos locais, un penalti de Manu Molina transformado estilo Panenka.

A desafortunada actuación do habitual porteiro suplente evidenciou, unha vez máis, que o maior mal deste equipo -xunto coa dependencia endémica de Iago Aspas- é a ausencia de fondo de armario.

Os Iván Villar, Aidoo, Okay, Mor e compañía volveron estar por debaixo do nivel dos titulares habituais, como demostrou a reacción do Celta despois de que Eduardo Coudet dera entrada no segundo tempo a Denis Suárez, Santi Mina e Brais Méndez. 

Con eles no campo a escuadra celeste veuse arriba e recurtou distancias con goles de Mina e Holsgrove, chegando a fallar o primeiro un penalti no minuto 90 con 4-2 no marcador. Xa no 94, Rodado aproveitou o enésimo erro defensivo galego para marcar o definitivo 5-2. 

comentarios