Maite Rojo fai en 64 horas 318 quilómetros do Camiño Primitivo

Maite Rojo chegando á Catedral de Santiago acompañada de Luis A. Collado, Arturo Piñeiro e Pablo Teijeiro. (Foto: Nós Diario)
A atleta de ultrafondo correu de Oviedo a Compostela as trece etapas deste itinerario da ruta xacobea.

A atleta de ultrafondo Maite Rojo (Malpica, Bergantiños, 1973) completou o domingo pola noite un novo reto deportivo percorrendo 316 quilómetros desde Oviedo (Asturias) até Compostela polo Camiño Primitivo. A proba compartiuna con dous atletas máis, Pablo Teijeiro e Arturo Piñeiro, ademais dun equipo de apoio, formado por Domingo Porta, Dani Bembibre e Alberto Fernández, que seguía o desafío nun vehículo. A idea era percorrer 312 quilómetros en 60 horas, o  trazado que está pensado para realizar en 13 etapas. Ao final foron 318 quilómetros que realizou en 64 horas.

En conversa con Nós Diario, aínda recuperándose polo esforzo mais satisfeita, explica como foi este desafío que dedicou á visibilización das enfermidades raras e o coidado das persoas maiores e que se atopou coa complicación dunha climatoloxía adversa. "Saímos desde a porta da Catedral de Oviedo pasadas as 7 horas e o tempo respectounos bastante ese día", relata Rojo. As complicacións chegaron coa noite e a choiva, polo que mudarse de roupa implicou perder minutos.

Pasaran Borres (Tineo, Asturias), camiño da Fonsagrada, unha zona de montaña onde está a maior parte do desnivel. "Era moi importante para nós, a nivel psicolóxico, chegar á Fonsagrada e deixar atrás a metade do percorrido até chegar a Compostela",  asegura a atleta. 

Choiva e frío na montaña

Eses quilómetros coincidiron co peor momento da borrasca Martinho e os cambios de roupa aumentaron. Á choiva intensa sumouse unha baixada das temperaturas que foi maior en altura. Próximas aos 0ºc e coa sensación térmica moi por debaixo, os problemas medraron. "Tiven dúas veces problemas coas mans, perdín a sensibilidade e comezoume a hipotermia, polo que tiven que parar e quentarme dentro do vehículo para poder continuar", afirma a atleta.

Despois de recuperarse, outro impedimento foi o intenso vento que a agardaba nas zonas altas deste tramo do Camiño de Inverno. Na baixada cara a Salime, aínda en Asturias, a atleta de Malpica, despois de sete quilómetros de baixada continua, tivo mareos dos que se recuperou. 

Chegaron á Fonsagrada cara o mediodía do sábado e, tras  percorrer 160 quilómetros, Arturo Piñeiro deixou o reto para incorporarse despois no tramo final de chegada á capital galega. Nesa vila Rojo recuperouse para seguir. O tempo mellorou pola tarde e conseguiron chegar á cidade de Lugo pola noite. 

Brétema e sono

A choiva deixou paso á brétema e a atleta sobrepasou o tempo que fixera con outras probas. "Pasaba de 4o horas e xa levaba 48, era a segunda noite sen durmir e comecei a ter problemas co sono", recoñece. Foron momentos duros, nos que a deportista de ultrafondo "quedaba durmida" e tiña que manterse "grazas aos focos dos meus compañeiros", sinala.      

Pasada a noite, xa perto de Compostela, en Melide, onde continúa co Camiño Francés, quedan os quilómetros decisivos, "onde o que queres é chegar". Porén, non foi doado polo cansazo acumulado. Case chegando á meta Rojo comezou a ter molestias nos pés. Entrando en Compostela recibiu a sorpresa dun emocionante recibimento de familiares e amizades así como da asociación O Camiño dos Faros e Mi Princesa Rett, esta última dedicada a visibilizar unha enfermidade rara.