Vaga de cancelacións de partidos pola Covid-19 nos deportes por equipos

Conxuntos galegos de hóckey, baloncesto ou balonmán, vítimas directas
O Parrulo Ferrol conta con positivos no seu cadro de xogadores (Foto: O Parrulo).
photo_camera O Parrulo Ferrol conta con positivos no seu cadro de xogadores (Foto: O Parrulo).

Fin de semana marcada polas cancelacións de encontros nos deportes colectivos a causa dos positivos en Covid-19 entre xogadoras e cadro técnico dos distintos equipos.

Na Galiza foron moitas as entidades afectadas directamente polo virus ou que, no seu defecto, viron como os seus choques previstos para esta xornada eran adiados por casos detectados nos cadros contrarios.

É a situación do Liceo de hóckey, actual líder invicto da OK Liga, que non poderá aspirar a prorrogar a súa marabillosa xeira de resultados logo do adiamento dos seus encontros ante Voltregá e Palafrugell, os seus dous vindeiros rivais, nos que se descubriron varios contaxiados. 

Igualmente suspendido foi o partido da Liga Nacional de Fútbol Sala que tiña previsto enfrontar hoxe ás 19 horas a O Parrulo Ferrol contra El Pozo Murcia. A escuadra galega confirmou que tres dos seus integrantes deron positivo nos tests que se realizan antes de cada encontro, e sinalou que a normativa di que se xogará "tan pronto como se acrediten todas as circunstancias que permitan a disputa do mesmo".

Non foi o único equipo de fútbol sala no que a Covid-19 fixo das súas, pois o Cidade das Burgas quedou sen xogar ante o Leganés ante os tres positivos detectados nas xogadoras madrileñas. 

Tamén se perdeu o espectáculo o pavillón da Sangriña, no que se ía desenvolver o Atlético Guardés-Aula Valladolid da División de Honra de balonmán feminina, xa que o conxunto pucelano quedará na casa após confirmar que conta con dous positivos.

Estudiantes e Ulla Oil Rosalía de baloncesto, ou o Cangas e o Cisne de Balonmán, entre moitos outros, engordan esta longa e desoladora listaxe.

Comentarios