Lugo recupera a súa tradicional Carreira Popular

A proba, que neste 2021 alcanzará a súa XIX edición, disputarase o vindeiro día 19 de decembro
Tras a parada obrigada de 2020, volve o histórico evento lucense. (Foto: Club Trinat).
photo_camera Tras a parada obrigada de 2020, volve o histórico evento lucense. (Foto: Club Trinat).

A XIX edición da carreira popular Lugo Monumental xa ten data: o vindeiro domingo, 19 de decembro. Organizada pola concellería de Xuventude e Deportes, o seu responsábel, Mauricio Repetto, deu conta das novidades que presenta este ano, para o que se tiveron en conta as condicionantes que impón a pandemia da Covid-19 e as obras que nestes momentos se atopan en execución na cidade.

Así, tanto a saída como a meta estarán situadas na Avenida De Ramón Ferreiro, coa Praza da Horta do Seminario como centro de operacións. O traxecto, pola súa banda, seguirá sendo en parte circular arredor da Muralla, cunha última volta por enriba do adarve.

"Neste 2021 a Lugo Monumental contará cunha distancia aproximada de 10 quilómetros, aínda que, e como consecuencia das intervencións que se están realizando na capital e que afectan a partes do percorrido, este sufrirá unhas pequenas modificacións de carácter eventual", afirmou o edil.

Con respecto aos impedimentos que implica o coronavirus, Repetto dixo: "Non podemos esquecer a situación na que nos atopamos actualmente, e a organización, por precaución, e do mesmo modo no que se están a desenvolver outras grandes carreiras na Galiza, tomou a decisión de realizar a proba soamente para persoas adultas, deixando para o 2022 a volta das categorías inferiores, a medida que as garantías sanitarias para as crianzas se vaian asentando e a seguridade, tanto para participantes como para acompañantes, recupere os valores prepandémicos".

Neste sentido, o concelleiro de deportes engadiu que a Carreira Popular Lugo Monumental "cumprirá en todo momento coas recomendacións estabelecidas para eventos e actividades multitudinarias", sinalando que "se tiveron en conta os protocolos correspondentes no contexto da nova normalidade provocada pola Covid-19 e, en función da súa evolución, estará sometida á normativa de prevención que estabelezan as autoridades sanitarias en cada momento".

Finalmente, e tras resaltar que esta proba supón a primeira pedra dun camiño que abre a porta do regreso en 2022 doutras con tanta historia como o Circuíto Corre con Nós e a Media Maratón Cidade de Lugo,  Mauricio Repetto resaltou que "a medida que se achega o día do evento" a organización ampliará a información referente á inscrición e os protocolos a aplicar.

Comentarios