Lugo e Dépor suman e colócanse a só un ponto do ascenso directo

Após a igualada sen goles do Murcia na súa visita ao campo do Las Palmas, Lugo e Dépor, embora non pasaren esta xornada do empate, colócanse terceiro e cuarto, respectivamente, a só un ponto das prazas que dan o ascenso directo. Imaxe capa: Riazor.es

Depor
photo_camera O Dépor foi superior ao Zaragoza no segundo tempo

Nesta xornada, a equipa de Setién abeirou a proeza, mais acabou desbaldindo unha renda de tres goles na casa do líder. Unha acción a balón parado, no minuto 92, selou o empate a 3 no taboleiro de marcas. En Riazor, en troca, o tempo engadido deu un ponto aos de Fernando. Foi outra falta, executada por Culio, que bateu na trabe. O rexeitamento cazouno Borja para facer gol.

Lugo e Deportivo continúan igualados, na parte alta da táboa, despois de totalizar 17 pontos con 10 capítulos do campionato xa ultrapasados.

Os de Setién estiveron inconmensurábeis en Huelva, nomeadamente na primeira metade (0-3). Porén, o xogo fíxoselles longo de máis e o Recreativo demostrou por que está ao frente da clasificación. Non só foi quen de igualar un taboleiro de marcas tan adverso, senón que mesmo dispuxo dunha oportunidade final -unha cabezada de Arana- co cronómetro nas boqueadas, que non foi gol de milagre.

En todo caso, o Lugo fixo honra á súa condición de equipa revelación e mantén a súa solvencia, quer no Anxo Carro quer fóra da Galiza. Neste momento, está 8 pontos por enriba da zona de descenso. A permanencia continúa a ser o obxetivo, de acordo co discurso oficial do clube. En realidade, e de non sofrer nengún andacio de lesións, o Lugo ten fútbol abondo para estar na zona media-alta da táboa.

Huelva: Jesús Cabrero; Cifu,  Zamora, Ruymán, Morcillo; Montoro, Dimas (Álvaro Antón, m. 77); Manuel Arana, Jorge Larena (Joselu, m. 60), Felipe Gallegos (Ezequiel, m. 60); e Miguel Linares.

Lugo: José Juan; David de Coz, Lolo Pavón, Víctor Marco, Manu; Carlos Pita (Rafa García, m. 52), Fernando Seoane; Iván Pérez, Álvaro Peña, Pablo Sánchez; e Enzo Rennella (Fran Sandaza, m. 57).

Goles: 0-1, m. 5: Renella; 0-2, m. 37: Álvaro Peña; 0-3, m. 42: Pablo Sánchez; 1-3, m. 67: Cifu; 2-3, m. 80: Arana; 3-3, m. 92: Álvaro Antón.

Contados disparos entre os tres paus

En Riazor, as bancadas viviron a historia de sempre este curso. Certo que o Deportivo estivo máis intenso do que noutras ocasións -tamén a freguesía se envorcou máis no choque, até o ponto de os blues provocaren unha interrupción do xogo cunha bengala, que lle trará un novo desgosto ás arcas branquiazuis-, mais as constantes foron as de toda a tempada: unha equipa situada moi atrás, cunhas bandas praticamente inexistentes, e moi escasa capacidade para xerar accións de ataque. Contados, contadísimos, os disparos entre os tres paus.

O Deportivo continúa a depender en moi boa medida da inspiración de JuanDo, se ben é certo que os fogonazos de Culio son cada vez máis determinantes (supuxeron tres pontos no Mini Estadi e deron o empate perante o Zaragoza, seu foi o libre directo que, oportunismo de Borja mediante, deu o empate). O que non varía é a insubstancialidade do xogo de Rudy e a invisibilidade de Arizmendi.

Gostou Luisinho e sobresaíu Wilk, titánico soerguendo a armazón de contención na medular.

Deportivo: Lux; Laure, Álex Bergantiños, Insua, Luisinho; Wilk (Luis Fernández, m. 78); Arizmendi (Núñez, m. 53), Juan Domínguez, Culio, Rudy (Manuel Pablo, m. 93); e Borja Bastón.

Zaragoza: Leo Franco; Cortés, Álvaro, Paredes, Abraham; Movilla (Cidoncha, m. 60), José Mari; Barkero (Tarsi, m. 66), Víctor Rodríguez, Montañés (Laguardia, m. 84); e Henríquez.

Goles: 0-1, m. 79: Álvaro; 1-1, m. 92: Borja Bastón.

Comentarios