O Lugo foi valente e cazou o primeiro punto do campionato

Un debutante, o centrocampista Lazo, selou o empate do Lugo en Granada. A equipa de Javi López botou man de oficio para sumar o primeiro punto do torneo.

lugo 2
photo_camera Os xogadores do Lugo a celebraren o gol

Valioso empate en Granada para o Lugo. Valioso porque Los Cármenes é un campo difícil para calquera e valioso polo momento, segunda xornada do campionato, após a derrota na casa face o Málaga (1-2). Un punto que eleva a moral, a autoestima do combo adestrado por Javi López.

Anunciou nas vésperas o treinador que o Lugo ía ser valente en Granada. Foino. A verdade é que a alternativa, fecharse na área, etc, tería sido directamente un suicidio. Optou a equipa galega por tratar o rival de ti a ti e por non se enclaustrar nas inmediacións da portería defendida por Juan Carlos. Procurou a bola e tamén o marco contrario. De feito o primeiro aviso con perigo chegou do lado galego, cun disparo do ucraniano Kravets que abeirou o pau esquerdo do arco de Rui Silva.

Con todo, a primeira media hora foi local, con aproximacións de perigo estupendamente conxuradas por Juan Carlos. O acoso resultou no 1-0, obra de Puertas.

A partir do 1-0, o partido virou cara o equilibrio, con opción para ambas equipas. O Lugo en ningún momento engruñou e achou premio no minuto 74, cun gol do debutante Lazo.

Boas sensacións, por tanto, as que deitou o Lugo en Los Cármenes, as dun combo capaz de competir contra calquera.

Granada: Rui Silva, Álex Martínez, Víctor Díaz, Quini, Germán, Puertas, Alberto Martín (Juancho 87'), Vadillo, Montoro, Rodri (49', Adrián Ramos) e Fede Vico (José González 71').

Lugo: Juan Carlos, Kravets, José Carlos, Bernardo, Leuko, Iriome (Lazo 64'), Carlos Pita, Cristian Herrera (Iriome 64'), Seoane, Campillo (Aburjania 89') e Jona.

Goles: 1-0, 27', Puertas. 1-1, 74', Lazo.

Árbitro: Gorostegui Fernández (colegio vasco). Amoestou Bernardo (19'), Fede Vico (37'), Quini (57') Kravets (67'), Vadillo (91').

Estadio: Los Cármenes, 8.307 espectadores.

Comentarios