Un millar de seareiras e seareiros do Dépor presionan na rúa para que o clube non desapareza

En apenas unhas horas, e através das redes sociais, as seareiras e os seareiros do Dépor deron organizado unha nutrida concentración, perante a sede do clube, na que tomaron parte arredor dun millar de persoas. Demandan solucións para que a entidade non descenda á Segunda B, o que, segundo algunhas voces, a condenaría á desaparición. "Depor" e "Lendoiro" foron esta noite trending topic.

Concentración deportivista
photo_camera Concentración deportivista

O convenio de acreedores, chave para garantir que o clube non baixe a Segunda B, e eventualmente desapareza, pasa pola substitución de Lendoiro e a escolla dun novo consello de administración. Mais Lendoiro se nega a asinalo.

A presión do principal poder fáctico da Coruña, o diario La Voz de Galicia, tería dado os seus froitos e a última proposta de convenio de acreedores levaría aparellada a saída de Lendoiro do clube.

A campaña de La Voz de Galicia contra Lendoiro intensificouse nos últimos días -se é que cabe falar de intensificación do que é un acoso e derrubo sen precedentes- e, colateralmente, focalizouse en Novagaliciabanco. O diario de Santiago Rey atacou o banco de propriedade estatal que dirixe o executivo Castellano -ex da Voz e ex tamén de Inditex- por non condicionar o convenio de acreedores -o banco é un dos principais tenedores de débeda branquiazul- á saída de Lendoiro.

Finalmente, esa condición acabou sendo posta sobre a mesa e Lendoiro é agora quen se nega a desbloquear a situación.

A proposta de convenio contempla unha quita da débeda situada no entorno do 33%.

Tampouco acepta a proposta o sindicato de futbolistas, pois estes aspiran a cobrar o 100% do que se lles debe. Isto último non sería posíbel se se aplicase as disposicións estabelecidas polo xuíz, en virtude das cales se considera débeda -e, portanto, suxeita a quita- as retribucións dos futbolistas que deberían ter sido devengadas antes de o clube ter declarado o concurso de acreedores, isto é, antes do mes de Xaneiro deste ano.

Neste momento, Lendoiro áchase no xulgado reunido co xuíz que leva o concurso, mentres as e os seareiros, através das redes sociais, teñen convocada unha concentración ás 20.30 horas perante a sede do clube, na Praza de Pontevedra.

Comentarios