Os xogadores do Depor non disputarán a xira de Portugal se non hai garantía de cobrar o 100% do que se lles adebeda

Os cinco capitáns do equipo coruñés compareceron para sinalar que, polo de agora, non hai expectativas de cobro. O prazo que dan finaliza o 31 deste mes,día no que deben enfrontarse ao Arouca nun amistoso. 

Vestiario do Depor
photo_camera Vestiario do Depor

Compareceron os cinco capitáns do Real Club Deportivo da Coruña: Manuel Pablo, Aranzubía, Laure, Juan Domínguez e Bergantiños. Unha imaxe de unidade en rolda de prensa para afirmar que se antes do 31 deste mes (a cuarta feira, mércores) non teñen garantía de que van cobrar o 100% do salario que se lles adebeda, non farán a xira por Portugal. Un mal menor ante outra ameaza maior: as denuncias por impago presentadas polos futbolistas sitúan o Depor ao bordo do descenso administrativo se non hai acordo.

Manuel Pablo: “É algo que vén de lonxe e deixouse para última hora. Non lle atopamos sentido a ir a Portugal se non se chegou a unha solución para o problema”

Os capitáns do equipo herculino insisten en que “non aspiramos a cobrar agora”, senón a que se lles dean garantías de que van cobrar. Iso si, o 100% do que se lles adebeda. Unha cantidade de por volta dos 11 millóns de euros.

"Agora fican dous días..."

Manuel Pablo afirmou: “Seguimos á expectativa. Pensabamos que cando nos fósemos de vacacións isto íase solucionar, mais non se tomaron decisións. Agora fican dous días e agardamos que se solucione. É algo que vén de lonxe e deixouse para última hora. Non lle atopamos sentido a ir a Portugal se non se chegou a unha solución para o problema. Imos adestrar pola mañá, mais non viaxaremos. Agardamos que haxa unha solución”

Comentarios