LaLiga pide reabrir a causa que investiga o homicidio do deportivista 'Jimmy'

O fiscal pactou con 70 dos acusados rebaixar as penas ante o recoñecemento dos feitos.
Chegada de dous acusados ao xuízo o pasado 1 de decembro. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
photo_camera Chegada de dous acusados ao xuízo o pasado 1 de decembro. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)

LaLiga vén de solicitar a reapertura da causa na que se investiga o homicidio de Francisco Javier Romero Taboada, coñecido como 'Jimmy', a mans dos ultras de ideoloxía neonazi da Fronte Atlético o 30 de novembro de 2014, segundo informou a entidade a través dun comunicado.

Esta petición realízase ante o recurso de apelación que está pendente na Audiencia Provincial de Madrid e que decidirá sobre o asunto. Hai xa un ano, o xuíz de Instrución número 20 arquivou o caso ao non acharse o autor material ou autores que acabaron coa súa vida. A familia anunciou un recurso de apelación.

Aliás, LaLiga estivo presente no xuízo que decorreu recentemente contra 80 ultras que participaron desta multitudinaria pelexa desenvolvida nos arredores do río Manzanares e nunha zona próxima ao antigo Estadio Vicente Calderón.

Tras a presentación de informes por parte da Fiscalía, de LaLiga e das defensas dos respectivos axuizados, o procedemento quedou esta sexta feira visto para sentenza, cuxo ditado se agarda nos próximos días.

O fiscal pactou con 70 dos acusados rebaixar as penas ante o recoñecemento dos feitos. No relativo á peza principal, LaLiga solicitou a revogación da conclusión do sumario do caso pola morte de Jimmy e a reapertura do procedemento coa imputación de catro dos sospeitosos, un por delito de lesións e tres por delito de homicidio.

LaLiga continúa exercendo o seu labor como acusación particular contra todos aqueles feitos relacionados coa violencia, o racismo e a xenofobia co obxectivo de erradicalos totalmente do fútbol, segundo defendeu no comunicado.

Comentarios