Jessica Bouzas perde a final do WTA de Zaragoza pero entra no 'Top-100'

A de Vilagarcía supera Paula Badosa no ránking.
A galega, co seu novo trofeo. (Foto: RFET).
photo_camera A galega, co seu novo trofeo. (Foto: RFET).

A tenista galega Jessica Bouzas irrompeu esta segunda feira no 'Top-100' da clasificación mundial ao ascender desde a posición 104 á número 90 após alcanzar a súa quinta final do ano no II Open de Zaragoza ITF W100, onde a xaponesa Moyuka Uchijima superouna por un contundente 6-1 /6-2 nun encontro decisivo xogado nas instalacións da Sociedade Deportiva Tiro de Pichón.

Isto significa que, pese ao seu espectacular salto no ránking da WTA, a nova número catro do tenis estatal non foi quen de repetir o éxito dos seus triunfos deste ano 2024 no WTA 125 de Antalya (Turquía) e nos ITF W75 do Porto e W50 de Morelos (Portugal). Ademais, a de Vilagarcía de Arousa tamén foi finalista no W50 do Porto, unha cidade que se lle dá especialmente ben.

Volvendo á proba maña, para acceder a esta quinta final de 2024 Jessica Bouzas impúxose cun dobre 6-1 á italiana Camilla Rosatello na primeira rolda;  por 6-1/6-2 á serbia Natalija Stevanovic nos oitavos de final; cun 6-2/7-5 á italiana Martina Trevisan nos cuartos e por 6-0/ 7-6 (3) á xogadora licenciada polo Club Deportivo Stadium Casablanca, Irene Burillo Escorihuela.

Lamentabelmente, a nipoa Moyuka Uchijima, que chegou á gran final após vencer a rusa Oksana Selekhmeteva por 6-4/6-3 no penúltimo chanzo, non deu opción algunha a Jessica Bouzas, pois desde o comezo do encontro tomou un 3-0 de vantaxe imposíbel de remontar para a tenista de 21 anos. 

Con todo, non ocultou a súa satisfacción polo seu papel neste Open de Zaragoza ITF W100, apuntando que "aínda que foi unha mágoa non ser quen de gañar", viviu "un luxo de campionato nunha fantástica semana".  Agora, a súa meta é seguir medrando nun ránking no que ten a só 150 puntos traspasar a barreira psicolóxica do posto número 75.

Máis en DEPORTES
Comentarios