Jessica Bouzas despídese do Aberto dos Estados Unidos na primeira rolda
A tenista vilagarciá caeu na madrugada desta cuarta feira no seu debut na súa segunda participación neste Grand Slam ante a croata Donna Vekic.
O soño de Jessica Bouzas no Aberto dos Estados Unidos chegou á súa fin esta terza feira na primeira rolda do Gran Slam que se disputa estes días en Nova York. A vilagarciá caeu derrotada a mans de Donna Vekic, a número 49 do mundo. A croata venceu Bouzas por 3-6, 7-5 e 6-3 en 2 horas e 6 minutos de partido. A eliminación da tenista galega na madrugada da cuarta feira empeora a súa actuación de 2024, cando no seu debut alcanzou a terceira rolda, na que caeu contra a estadounidense Jessica Pegula.
Bouzas apuntouse con autoridade o primeiro set con dous breaks. Tamén logrou quebrar o saque de Vekic no segundo set para pórse 2-4, mais a croata, prata olímpica en París 2024, reaccionou con tres xogos seguidos para colocarse con 5-4 e servizo a favor. Pareceu reaccionar a galega, con outro break en branco; non obstante, a súa adversaria volveu romper para o 6-5 e, agora si, apuntouse a manga ao saque.
Bouzas quedou tocada e veu como Vekic lle quebraba o servizo para abrir o último set. Recuperouse para pórse 2-2, mais a croata volvería quebrar dúas veces máis para o 6-3 final.
No seu mellor momento
A tenista natural de Vilagarcía de Arousa (O Salnés) chegaba no mellor momento da súa fulgurante carreira, situada como a número 40 do mundo tras chegar, por vez primeira, a unha cuarta ronda dun Gran Slam (Wimbledon) e a cuartos de final nun Masters 1.000 (Canadá). Con apenas 22 anos, Bouzas alcanzou xa 11 títulos individuais no seu percorrido polos torneos da Federación Internacional de Tenis (ITF) desde 2021, cando se estreou levantado o trofeo do torneo do Cairo, en Exipto.
Nas competicións individuais deste ano Bouzas non deixou de brillar: no seu primeiro Aberto de Australia venceu, por pouco, no primeiro partido contra a británica Sonay Kartal, mais logo caeu fronte a Aryna Sabalenka, número 1 do mundo. A nova promesa do tenis galego recoñeceu nunha entrevista para Nós Diario que o partido contra a raíña do tenis mundial foi o “máis exixente” da súa carreira: “É a número un do mundo e exixe o máximo en cada punto; se non o das, remata o partido. Contra ela aprendín moitísimo”.
