Entrevista

Jéssica Bouzas, tenista: "Obsesioneime moito co ránking; agora só penso en traballar ben"

Tras alcanzar por vez primeira a terceira rolda de Roland Garros, a tenista vilagarciá Jéssica Bouzas conversa con Nós Diario sobre o seu gran momento deportivo e os retos que se marca de cara ao futuro, mais tamén da súa evolución desde que con 5 anos se estreou coa raqueta e de todos os sacrificios que tivo que facer para chegar até aquí. No seu horizonte máis próximo albisca Wimbledon, onde o pasado ano deu a sorpresa derrotando a vixente campioa.

WhatsApp Image 2025-06-09 at 13.42.26 (1)
A tenista vilagarciá Jéssica Bouzas. (Foto: Cedida)

Con só 22 anos e un futuro moi prometedor por diante, a tenista Jéssica Bouzas Maneiro (Vilagarcía de Arousa, 2002), a actual número 59 do ránking internacional segue a rachar barreiras sobre todas as superficies. A última, sobre a terra batida de París.

—Vén de alcanzar a terceira rolda de Roland Garros, a súa mellor participación no torneo. Como o viviu?
Quedei moi contenta, sobre todo porque o ano pasado non tivera unha moi boa experiencia en Roland Garros, un torneo ao que teño moito agarimo, creo que por todo o que representa... É especial para min desde que era pequena, pero o ano pasado tiven un partido moi duro [ante Jana Fett, cun marcador de 2-6, 6-3 e 5-7] e marchei cunha sensación agridoce. Agora, poder alcanzar a terceira rolda e sobre todo sentirme como me sentín xogando foi algo moi positivo.

—Malia a derrota ante Hailey Baptiste por 7-6 e 6-1, a imaxe que deu no torneo foi moi boa. Con que sensacións saíu?
Foi un bo torneo, pero nese último partido o meu nivel de tenis foi baixo. Estaba bastante fastidiada no momento porque me vía ben fisicamente, a pesar de que dous días antes xogara un partido a tres sets. Despois tamén xoguei en dobres a tres sets… ao final, méteste seis sets nun día. Tiña un pouco de medo de como me ía atopar, pero realmente nese senso estaba ben, e tamén mentalmente. Pero isto é tenis e a terceira rolda dun Gran Slam exíxeche un nivel máximo en todo momento; se non, a rival leva o partido. E iso foi o que pasou.

—Hoxe é a número 59 do mundo. Agardaba verse así a estas alturas?
É verdade que este ano é un pouco máis complicado porque xa te coñecen todas as xogadoras, xa non es "a nova"... Penso que é importante seguir aí, sobre todo a nivel mental. É algo moi motivador verme aí e seguir competindo a este nivel.

—Que torneo albisca no horizonte máis inmediato?
Posibelmente o de Nottingham, previo a Wimbledon [os dous sobre herba].

—Tras mostrar boas sensacións en terra, herba e pista dura, en que superficie se sente máis cómoda?
Diría que en terra batida, porque ao final en herba non xogo case nunca. Pero é verdade que as últimas veces que xoguei en herba tamén estiven moi cómoda, e é moi bonito. Vou con moitas ganas.

—Que obxectivos se marca para o que resta de ano?
Sobre todo, seguir mellorando. Creo que agora mesmo estou nunha liña boa, traballando ben. E quero seguir así, intentando obviamente subir no ránking pero sen obsesionarme, que penso que foi un dos erros que cometín a principios de ano. Obsesioneime cos puntos, con cantos perdía, cantos gañaba… e realmente penso que con esa mentalidade non fago un bo traballo, porque non me centro en sumar, só en defender. Agora mesmo estou nunha boa dinámica. Este é o camiño polo que debo ir, e que sexa o bo traballo o que traia bos resultados.

—Di que prefire non centrarse no ránking, mais... está entre as súas metas entrar no 'top 50'?
Si, ao final é un obxectivo que teño marcado. Pensas en mellorar e iso leva tamén a mellorar no ránking; vai da man. Máis alá dos puntos, de mirar cantos me queda, seguirei traballando para chegar até aí.

—Desde Vilagarcía até Roland Garros… se bota a mirada atrás, que foi o máis duro até o de agora?
Marchar da casa tan pequena. Aínda que quizais eu era un pouco inconsciente e no seu momento non o vin tanto, estar fóra da casa é duro. Pensei en volver, en non continuar… son cousas que se me pasaban pola cabeza, pero ao final compensábao co que me gustaba o tenis e tamén cos resultados. Sabía que tiña que facer ese sacrificio se quería chegar até onde estou hoxe ou quizais máis arriba. Era algo que tiña que facer.

—Que aprendizaxes saca dese salto á elite mundial do tenis?
Sácanse día a día. Non só no deporte de alto rendemento, senón por moitas outras cousas, como marchar tan pequena. Maduras antes de tempo porque tes que sacar as castañas do lume soa. A vida en si é aprendizaxe, e eu penso que temos unha gran capacidade de sufrimento e de sacrificio, chegando a límites aos que pensabamos que non poderiamos chegar, superándonos cada día.

—Que aspectos do seu xogo cre que conseguiu mellorar máis neste tempo e cales pensa que aínda debe seguir pulindo?
Notei moita mellora especialmente na orde do meu xogo. Sempre fun unha xogadora con moita potencia, pero quizais non estaba ben canalizada, non tiña a orde adecuada. Adestrar moito eses exercicios de orde, de paciencia, entender máis o xogo… foi o que máis cambiei. Todo sen perder a potencia e a forza que me caracterizan. E agora, neste nivel, todo está ao detalle. O máis mínimo que se che dea un pouco mal tes que pulilo, porque outras xogadoras saben perfectamente cal é o teu punto débil.

—Dicía antes que marchar da casa foi moi duro. Que papel xoga agora a súa familia e achegados nese ritmo de vida tan intenso?
Son moi afortunada niso. Non só pola familia, senón polas amizades. Sigo conservando amigos de toda a vida e son xente que entende o deporte e que me apoia moitísimo; non só agora, senón nun momento quizais máis difícil, na adolescencia, con 15, 16, 17 anos… cando tes un pouco máis de loucura. E aínda que eu nese momento fixese cousas diferentes sempre me apoiaron.

E respecto á familia tamén son moi afortunada. Somos unha familia humilde de Vilagarcía de Arousa e de Catoira. Unha familia e unha vila que me ven pola tele, que me apoian. Sempre que volvo á casa sinto que sigo sendo eu. É a miña zona segura independentemente do tempo que pase fóra.

—Viaxa practicamente todo o ano, de país en país e con horarios intensos. Que é o que máis bota en falta da casa cando está tantas semanas fóra?
Igual parece unha tontería, pero o que máis boto en falta é ter a roupa no armario e poder erguerme polas mañás e collela de onde está sempre. Tamén durmir na miña cama, ter algo de rutina… Ao final valoras máis as cousas normais. Estar no sofá da casa, poder ver unha peli. Cando acabo algúns torneos penso, “só quero poder volver á casa, desfacer as maletas e deitarme tranquila”.

Iso en canto ao material. Obviamente, boto de menos aos meus amigos e tamén á miña familia, xa que á Galiza non vou tanto.

—Agora que está habituada a medirse ás mellores xogadoras do mundo, entre as que tamén se atopa vostede, que partido considera que foi o máis exixente até o momento?
Diría que ante Sabalenka [no Aberto de Australia deste ano, caendo por 6-3 e 7-5]. É a número un do mundo e exixe o máximo en cada punto; se non o das, remata o partido. Contra ela aprendín moitísimo. Outra rival moi dura foi Elina Svitólina. Este ano xa me gañou dúas veces e o pasado outra, cústame moitísimo xogar contra ela. Entre Sabalenka e Svitólina, diría.

—Hai algunha xogadora do circuíto internacional que a impresionase especialmente?
Yelena Rybákina. Xoguei a comezos de ano contra ela e pareceume unha xogadora cunha gran facilidade para facer puntos. Mentres eu deixaba a vida ela parecía que non tiña que facer esforzo ningún, que golpeaba con total facilidade a pelota, cambiaba direccións... sorprendeume bastante.

—O pasado verán quedou ás portas de lograr o seu primeiro billete a uns Xogos Olímpicos. Está entre as súas metas chegar aos Ánxeles 2028?
Cen por cen. Non entrar en París puido ser máis duro para min do que foi porque, ao final, por unha norma dos Xogos se non entras nunha lista en certa data xa non podes ir. Ter esa oportunidade de xogar uns Xogos Olímpicos e non ir foi algo que me doeu, pero como realmente non o pensara até ese momento, porque a comezos de ano estaba case no número 200 do ránking, non me doeu tanto. Pero agora si que si, estar nos Xogos é un obxectivo totalmente principal.

—Xa para rematar. Se volvese ver a esa nena que comezou a adestrar ao tenis en Vilagarcía, que lle diría a actual Jéssica, que xa sabe o que é brillar nun Grand Slam?
Diríalle que é moi valente, que todo o que vai a facer de aí en adiante vai ser pura valentía e que si que o pode conseguir, que non se renda. E, sobre todo, que vai vivir cousas moi duras pero tamén moi bonitas.

Os pasos dunha promesa feita realidade

Jéssica Bouzas colleu por vez primeira unha raqueta con 5 anos, no Club de Tenis e Pádel Rial da súa vila natal. Con tan só 13 anos e un talento que xa empezaba a despuntar trasladouse á Academia de Tenis Ferrer, en La Nucia (País Valencià). Foi en decembro de 2020 cando disputou a súa primeira final individual en categoría profesional, e fíxoo en Cambados, mais saíu derrotada ante a suíza Conny Perrin. En xaneiro de 2021 gañou o seu primeiro título individual en El Cairo (Exipto).

A partir de aí a súa carreira non deixou de crecer até que en 2023 conseguiu acceder por primeira vez ao cadro final dun Grand Slam. Debutou no prestixioso Wimbledon caendo en primeira rolda ante a ucraína Anhelina Kalinina. Un ano despois, en 2024, logrou meterse en Roland Garros, novamente apeada á primeira de cambio pola croata Jana Fett. Ese mesmo ano deu a sorpresa en Wimbledon, vencendo en primeira rolda á checa Marketa Vondrousova –quen defendía o título– e na segunda á española Cristina Bucsa. Porén, unha lesión obrigouna a retirarse no partido de terceira rolda ante a tamén checa Krejcikova. Mesma rolda na que caeu nesta edición de Roland Garros ante a estadounidense Baptiste.

Comentarios