Iván Alonso, padexeiro: "Media vida facendo isto volveuse un traballo, e o mellor foi poder gozalo"
—Como está?
Ben, a verdade é que está a ser bastante levadío. Sigo con actividades deportivas, porque vai ser o que me faga levalo o mellor posíbel. Bótase de menos a rutina de poder adestrar todos os días en algo que levo facendo moitos anos, pero creo que o levo bastante ben.
—Seguirá ligado ao deporte?
Vouno manter todo o presente que poida, porque é a miña vía de escape desde sempre. Despois de tantos anos quitarmo de golpe non é bo, e a min realmente me apetece seguir facendo deporte. Xa non só piragüismo, senón tamén bicicleta, correr, natación... Sempre practiquei deporte e é algo que non quero deixar.
—Vese como executivo, adestrador ou nalgunha outra función?
De adestrador non me vexo porque eu teño o meu traballo e sería un pouco complicado compaxinalo para facelo todo o ben que me gustaría. Se me chamasen do equipo nacional para acompañar os deportistas, aínda que sexa como técnico para avituallamentos ou o que sexa non me importaría. Levo tantos anos dentro que é algo que si que me gustaría. No seu momento deixeino caer e se cadra estaría moi ben. Polo menos para estar xunto á xente coa que estiven tantos anos e coa xente nova que pode terme como referente. Estaría encantado de axudar.
—Como tomou a decisión de retirarse? Que lle dixeron na casa?
O proceso é un cúmulo de cousas, sobre todo, pola miña familia. Gustaríame ter a posibilidade de estar máis con eles, pasar tempo co meu fillo, ir cear coa miña muller... Cousas que queres pór por diante. Hai unha liña e cada vez que van pasando os anos vaste achegando a ela. O motivo principal é a familia e poder compartir momentos cotiáns con eles. Apetéceme acompañalos máis. Logo tamén, por outro lado, a nivel motivacional despois de tantos anos non é o mesmo. Preparar un campionato e botar tantas horas de adestramento compaxinándoo co traballo ou coa familia acaba facendo que pese máis.
Eles dixéronme que era a miña decisión, que me apoiarían en calquera decisión que tomase. Nese sentido tiven unha gran sorte. Puiden facer deporte até os 40 anos e ter ese apoio é moi importante.
—Que cambiou do Iván que se estreou no Mundial de Roma de 2012 ao que competiu en Györ (Hungría) hai menos dun mes?
É un camiño moi importante que nos fai como persoas. O deporte é fundamental na vida. Non só pola actividade física, senón polas condicións que nos fai vivir e que nos serven para o día de mañá. A nivel persoal crecín un montón e co paso dos anos decateime de que moito máis importante que as competicións ou as medallas é o que atopas no camiño. Amigos, vivencias, personalidade... a capacidade que logo adquires. O deporte é algo exixente que logo che permite ser exixente no teu día a día. Quedo máis con iso que co que buscamos ao comezo, que son as medallas ou os éxitos.
—É unha voz máis que autorizada para falar de éxitos deportivos. Que lugar lles dá na súa vida?
Ao comezo son obxectivos que te marcas e poder conseguilos é un luxo que vén dun traballo enorme pola miña parte e da contorna: club, familiares, patrocinadores... Pero si que creo que iso é algo secundario, véxoo máis importante a nivel de crecemento persoal. É algo que levamos facendo toda a vida e valóralo moito. Media vida facendo isto foi como un traballo para min. Doulle moita importancia a poder desfrutar tanto disto.
—Cal é o momento da súa carreira que se lle quedou na retina?
O Mundial de Roma 2012 sempre vai ter un oco especial. É a primeira medalla internacional e por riba conseguindo un obxectivo moi difícil, dous ouros [no K1 e o K2]. A día de hoxe só hai catro persoas en todo o mundo que conseguísemos eses dous ouros, polo que é algo que vai quedar aí para toda a vida.
—Que sensacións tiña na súa derradeira competición?
Eu estaba coa roupa de competición. Cando sobes á piragua cambias o chip. Si que é certo que había momentos da proba onde me daba de conta de que ía ser a última e intentaba desfrutala. Había momentos agridoces na carreira, estábaa desfrutando moitísimo porque ía moi ben colocado ao comezo e goceino moito. Foi o que eu quería, pelexeino até o final, pero non puido ser. Non quedo co resultado senón coas sensacións que tiña competindo e co que gocei podendo rematar esta etapa da miña vida.
—Foi moi emotiva a despedida?
Ao final o equipo nacional fíxome un corredor. Cando rematei funme eu só ao muelle cinco minutiños que foron para min mesmo. Chamoume todo o mundo e tiven montóns de mensaxes. Logo vin a [Mads] Pedersen, que tamén veu darme unha aperta. Foi un cúmulo de momentos que fixo do día algo moi especial.
—Cumpriu os seus soños?
Supereinos. É algo co que me sinto súper afortunado. Non fun un deportista con lesións. Tiven as miñas complicacións xa sexan laborais ou de clubs para poder evolucionar pero me sinto moi afortunado, pois xamais pensei en conseguir todas as medallas que conseguín. Ser campión do mundo unha vez xa é moi difícil, e poder repetilo e acumular todos eses resultados é un soño realizado.