A I Copa de España leva a Mondariz Balneario o mellor do slálom olímpico

O evento reunirá 250 deportistas de todo o Estado.
A proba desenvolverase ao longo dos días sábado e domingo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A proba desenvolverase ao longo dos días sábado e domingo. (Foto: Nós Diario).

As augas do río Tea, ao seu paso por Mondariz Balneario, tornarán no escenario da I Copa  de España de Slálom Olímpico da tempada 2024, un evento que congregará na Galiza os e as mellores deportistas a nivel estatal nesta especialidade.

O seu obxectivo será competir, ao longo de dúas intensas xornadas de actividade que se estenderán ao longo do día sábado e do domingo, por unhas medallas que estarán moi condicionadas polas desafiantes condicións climáticas, que non só ameazan cunha drástica baixada das temperaturas, senón tamén con abundantes precipitacións. 

A inscrición para o evento, segundo destacan desde a Federación Galega de Piragüismo (Fegapi), foi "un rotundo éxito", pois está confirmada a presenza de 19 equipos e 280 deportistas masculinos e femininos procedentes de todos os recunchos do Estado español.

Entre eles e elas destacan os conxuntos galegos, que incluíndo o anfitrión, Tea de Mondariz, son Piragüismo Penedo, Montaña Quixós, Piragüismo Dumbría e Deportivo Miño 'Os teixugos'.

No plano individual brillan con luz propia nesta primeira competición de slálom olímpico do 2024 os nomes de Luís Fernández e Manuel Ochoa -ambos do Club Deportivo Miño-, así como Ainhoa Lameiro e Daniel Pérez, en representación do Penedo.

Con respecto á programación horaria, a acción comezou na sexta cuns adestramentos previos que os e as deportistas e clubs aproveitaron para familiarizarse co lugar da competición e desenvolver estratexias de cara ao inicio do certame oficial, previsto para as 9.30 horas do sábado coas semifinais. Estas serán o punto de partida de dúas intensas xornadas de Campionato de España que continuarán coas finais a partir das 15.30 e concluirán o domingo pola mañá.

Comentarios