Os futbolistas da Irmandiña xa coñecen os nomes dos seus rivais no Galiza-Panamá

A federación centroamericana oficializou a convocatoria para o duelo do 31 de maio.
'Puma' Rodríguez, ex do Club Deportivo Lugo, será unha das estrelas do combinado panameño en Balaídos. (Foto: LFP).
photo_camera 'Puma' Rodríguez, ex do Club Deportivo Lugo, será unha das estrelas do combinado panameño en Balaídos. (Foto: LFP).

A afección do país conta os días que restan para o regreso dunha selección galega de fútbol que volverá á acción tras oito anos de ausencia o próximo 31 de maio, sexta feira, nun partido programado ás 20 horas no Estadio de Balaídos ante Panamá.

O combinado canaleiro, a través da Federación Panameña de Fútbol (Fepafut), vén de facer públicos os nomes dos xogadores que integran a expedición que tomou rumbo a Europa para medir forzas primeiro coa selección catalá, o 29 de maio, e dous días despois coa Irmandiña.

Thomas Christiansen, responsábel técnico do combinado centroamericano desde xullo de 2020, confeccionou unha convocatoria de 21 futbolistas que, tal e como confirmou a Fepafut, "aumentará até 24 de contar coa aprobación dos seus respectivos clubs" tres xogadores máis dos que non quixeron revelar os seus nomes.

Así, no choque a portería defenderana os experimentados Orlando Mosquera e Eddie Roberts; na defensa, a liña máis poboada na listaxe, figuran nove zagueiros (Andrés Andrade, Eric Davis, Michael Murillo; César Blackman, Edgardo Fariña, Roderick Miller, Orman Davis, Sergio Ramírez e Gabriel Brown); con respecto ao medio do campo, Christiansen chamou José Luis 'Puma' Rodríguez, Édgar Bárcenas, Héctor Hurtado, Jovani Welch, Kahiser Lenis, Freddy Góndola e Josiel Núñez; mentres que a parcela ofensiva será responsabilidade exclusiva de Alfredo Stephens, Tomás Rodríguez e Eduardo Guerrero.

Os panameños, que aterraron esta cuarta feira no aeroporto de Madrid, afrontan os partidos contra Catalunya e a Galiza como unha preparación de cara ao compromiso clasificatorio para a Copa do Mundo de 2026 que disputará contra a Güiana o 6 de xuño, razón pola cal o seu seleccionador -que o pasado ano 2023 estivo entre os 20 mellores do mundo, segundo a relación elaborada pola Federación Internacional da Historia e Estatística de Fútbol (IFFHS, nas súas siglas en inglés)- probará "caras novas" para "velas competir en plan internacional" e que así se "reivindiquen no futuro". 

Non obstante, e a pesar de que os e as seareiras que se concentrarán en Balaídos non terán a oportunidade de ver en vivo a maior estrela que ten Panamá na actualidade, Adalberto Carrasquilla -salvo que o centrocampista do Houston Dynamo da Major League Soccer (MLS) sexa un deses tres chamados a filas a última hora anunciados pola Fepafut-, si que estarán no coliseo olívico a meirande parte das figuras canaleiras, caso de Blackman, Andrade, Murillo, Bárcenas, ou José Luis 'Puma' Rodríguez.  

Diego Martínez dará a súa lista o vindeiro 28 de maio 

Para coñecer a convocatoria da selección nacional galega de cara ao encontro haberá que agardar algúns días máis, concretamente até o 28 de maio, segunda feira, afirmou a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF).

Non obstante, conscicente de que, como se adoita dicir, un país está conformado por tantos habitantes como potenciais seleccionadoras ten, Nós Diario lanza esta quinta feira unha serie de enquisas no seu dixital que permitirá aos e as lectoras axudar Diego Martínez a realizar a escolla. Quen acompañará Rubén Blanco e Iván Villar como terceiro porteiro? Está totalmente descartada a presenza dun Gabri Veiga inmerso nas últimas fases do proceso de recuperación da súa lesión no xeonllo? Todo isto e moito máis poderá votarse nas enquisas que publicará nosdiario.gal até o 27 de maio.

Ademais, a RFGF elaborou un xogo similar no seu perfil da rede social 'X' (antigo Twitter), prometendo dous boletos totalmente de balde a quen acerte con total exactitude os nomes dos 23 xogadores que elixa Diego Martínez Penas para retar a escuadra panameña.

Comentarios