Guardés e O Porriño comezan a loita polo título de Liga

O equipo do Baixo Miño liderou a fase regular.
Encontro entre o Guardés e o Valladolid durante a fase regular. (Foto: Guardés)
Encontro entre o Guardés e o Valladolid durante a fase regular. (Foto: Guardés)

O Mecalia Atlético Guardés, logo de ser o primeiro clasificado na fase regular, afronta o primeiro chanzo do camiño até o título ligueiro. Esta cuarta feira, 7 de maio, ás 21 horas, as de Ana Seabra visitarán o Caja Rural Aula Valladolid, oitavo clasificado da liga, para disputar o partido de ida de cuartos de final do play-off polo titulo, que será emitido en directo por Teledeporte. 

Viaxará a escuadra ao completo, a excepción de Elena Martínez, e sen reforzo de xogadoras xuvenís. Ademais, dada a súa condición de líder, o Guardés xogará a volta dos cuartos como anfitrión, este sábado, 10 de maio, ás 19 horas na Sangriña.

O Guardés chega ao encontro buscando a súa mellor versión tras finalizar a liga regular o pasado sábado en Nafarroa, caendo pola mínima na pista do Beti-Onak (23-22). Malia o axustado do resultado, o balance xeral do partido non foi tan positivo para as de Ana Seabra, que deberon facer un esforzo maiúsculo na segunda parte para remontar unha desvantaxe de sete goles ao descanso, tras un comezo con moitos erros. 

A adestradora do Guardés, Ana Seabra, incidiu esta terza feira na necesidade de centrarse no traballo propio e afrontar este primeiro partido con seguridade. "É un partido no que queremos estar o máis concentradas posíbel durante os 60 minutos", indicou a técnica, que advertiu de que "sabemos que é importante conseguir un bo resultado, e un bo resultado significa, para nós, gañar".

Neste sentido, aínda que o paso á semifinal decidirase polo número de goles, para a preparadora do Guardés non hai marxe de erro, e por tanto non se conformará con caer na ida cunha diferenza mínima, senón que o obxectivo será entrar no play-off pisando forte.

O Porriño xa pensa tamén na final europea do sábado

Pola súa parte, o Conservas Orbe Zendal Bm Porriño disputará esta cuarta feira a ida dos cuartos de final da liga contra o Atticgo en Elx, nun encontro que se poderá seguir a través da canle de YouTube do conxunto valenciano. 

Con todo, o conxunto da comarca de Vigo tamén ten xa en mente a final europea que comezará na fin de semana. Neste sentido, o BM Porriño decidiu ampliar o aforo do pavillón coa instalación dunhas bancadas supletorias para o partido de ida da final da Copa Europea que terá lugar o sábado, 10 de maio, contra o Valur islandés.

Comentarios