O BM O Porriño segue facendo historia e disputará a súa primeira final europea

As de Ismael Martínez derrotaron na volta das semifinais da EHF European Cup o Hazena Kyzvart checo cos mesma renda de tres goles que xa lograran na ida, deixando no marcador final un 27-30.
O BM Porriño celebra a vitoria. (Foto: Nós Diario)
O BM Porriño celebra a vitoria. (Foto: Nós Diario)

O Conservas Orbe Zendal BM O Porriño continúa facendo historia. As galegas venceron na volta das semifinais da Copa Europea da EHF ao Hazena Kyzvart a domicilio por 27 a 30, coa mesma renda de tres goles coa que xa se impuxeran a pasada semana no Porriño (31-28). As de Ismael Martínez xogarán en maio unha final polo título, a primeira da súa historia, contra un rival aínda por determinar.

Igual que na ida, Mica Casasola inaugurou o marcador cun gol que era toda unha declaración de intencións das porriñesas, dispostas a sentenciar a eliminatoria na República Checa para certificar o pase á gran final tras unha tempada para o recordo.

Desde entón, non deron tregua e non foron por baixo no luminoso en ningún momento dun partido que souberon como dominar en cada momento e no que chegaron s ter unha renda de cinco goles (6-11). Ao descanso chegaron cun 12-15 favorábel.

Un maxistral partido de Ekaterina Zhukova, que rematou con 6 goles e unha efectividade no tiro de 86%, guiou as galegas na súa última -que non derradeira- xesta europea. O resultado final foi de 27 a 30.

O rival na final, na súa primeira participación nun torneo continental, sairá do partido de volta de semifinais que disputarán este domingo o MSK Iuventa Michalovce eslovaco e o Valur islandés (na ida venceron as eslovacas por un axustado 25-23).

Comentarios