A Galiza conta xa co seu primeiro club galego oficial de baloncesto 3x3

Fer Adrán, Satu Ferreiro, Manuel López e Miguel Estévez conformarán o equipo Match Up que participará na Liga 3X3 Indoor (Foto: Nós Diario).
O Math Up comezará este sábado en Cáceres a súa aventura estatal como primeiro club oficial galego de 3x3, unha modalidade de baloncesto olímpica que medra cada día na Galiza.

O 3X3 de baloncesto, unha variedade de baloncesto que se popularizou na rúa, cada vez está máis estendido na Galiza. Nos últimos anos proliferan os torneos e este verán vén de nacer o primeiro club oficial deste deporte que tivo o seu debut oficial como disciplina olímpica nos Xogos de Toquio de 2020.

A iniciativa partiu do Match Up de Compostela que convenceu o Club Baloncesto Santa Baia de Boiro das posibilidades desta disciplina para incluíla como sección. A súa estrea será este sábado na Liga 3X3 Indoor en Cáceres contra o B-Mood Basket. 

Match Up creouse en 2017 para participar en torneos over40 e competiu desde entón en máis de 20 torneos nacionais e internacionais, conseguindo varios títulos nesta categoría máster. Un dos seus xogadores, Miguel Estévez, relata a Nós Diario que os seus inicios partiron uns anos antes coas reunións en Compostela “de xente que practicaba baloncesto de nivel medio” e que comezaron a competir “a nivel nacional e internacional”.

Pouco tempo despois recibiron o convite para participar nun torneo en Portugal este pasado mes de  xullo, “un país que ten moito máis adiantada a súa liga e hai moito nivel”, co resultado de que quedaron campións. 

Crear un club

Con este e outros bos resultados, e coincidindo co incremento de torneos 3x3, créase a entidade Match Up 3x3 Sénior. O equipo está composto por xogadores de varios puntos do Estado español aínda que na súa maioría galegos, a carreira deportiva dos seus membros foi maioritariamente semiprofesional, e mesmo algún chegou, no seu momento, a debutar na liga ACB. 

Cos éxitos deportivos pensaron na posibilidade de acceder a campionatos oficiais máis ambiciosos. “Para participar nestes torneos tiñamos que entrar na ficha da Federación Internacional de Baloncesto (FIBA) introducindo os datos dos xogadores e comezamos a subir no ránking”, explica Estévez. Co anuncio do inicio do primeiro torneo Indoor estatal este inverno presentaron a solicitude de participación e foron escollidos entre os 12 que competirán esta tempada.

Para completar o proceso de inclusión nesta competición tiñan que estar constituídos como club ou formar parte dunha entidade xa fundada. “Xente do club era do Barbanza e falamos co Santa Baia de Boiro que aceptou a proposta”, sinala este xogador.

 A Liga 3X3 Indoor

A competición en que participarán os galegos realizarase en sete sedes ademais doutra que acollerá a final. Match Up visitará Cáceres (Estremadura), Tarragona (Catalunya), Sevilla (Andalucía), Cidade Real (Castela-A Mancha), València (País Valencià), Bilbo (EuskalHerria) e Oviedo (Asturies). Todos os equipos sumarán puntos dependendo da súa clasificación e unha vez sumados eses puntos de todos os torneos, o equipo que máis puntos consiga ao finalizar os oito torneos, levará o premio final.

Tamén hai participación feminina e terán prioridade aqueles que xoguen toda a liga, así como os equipos que participen tanto en masculino como en feminino en todo o circuíto. Cada equipo poderá inscribir até seis xogadoras ou xogadores e para cada torneo.