Carballo acollerá o domingo a final da Copa Galiza de baloncesto EBA

O campión da Copa Galiza de baloncesto EBA decidirase esta fin de semana nunha final na que participarán o Xiria e o Chantada. O encontro terá lugar no Pavillón Vila de Noia de Carballo.
O Xiria co Obradoiro de Ames (Foto: Escola Basket Xiria).
photo_camera O Xiria co Obradoiro de Ames (Foto: Escola Basket Xiria).

A Federación Galega de Baloncesto (FGB) vén de confirmar a Escola Basket Xiria e o Concello de Carballo como organizadores da final da Copa Galiza EBA, que medirá o conxunto local contra o CB Chantada. Ambos os dous equipos clasificáronse como primeiros de grupo na fase previa ao conseguir tres vitorias cada un.

O campión desta edición na tempada 2022-2023 saberase o 2 de outubro ás 12 horas, no Pavillón Vila de Noia.

O conxunto chantadino, campión consecutivo das últimas tres edicións da Copa, será un rival difícil para o Calvo Basket Xiria, como equipo recentemente ascendido e con menos experiencia. Porén, os de Carballo tiveron un grande inicio de tempada baixo as ordes de Héctor Méndez como adestrador.

Unha proba foi o último partido diante do EDM A Estrada que concluíron cun contundente 45-78. Diante terán os de Chantada, un bloque compacto que xa leva anos sendo uns dos mellores da categoría, e que nesta competición non tivo piedade cos seus rivais.

A presentación oficial desta final terá lugar hoxe no Concello de Carballo ás 12.30 horas e contará coa presenza do presidente da xunta xestora da FGB, Francisco Martín; o alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro; o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo; e o presidente da Escola Basket Xiria, Primitivo X. Reguera Rodríguez. 

A Escola Basket Xiria, entidade deportiva herdeira do Bergantiños CB dos anos 80, agradeceu a través das súas redes sociais "o apoio do Concello de Carballo" e as facilidades que tiveron para acoller este encontro. Ademais, lembrou "a confianza que a Federación Galega de Baloncesto puxo no club" para organizar este partido. 

Esta final galega de baloncesto  afeccionado será retransmitida en directo pola canle de YouTube da Federación.

Comentarios