Falece Arsenio Iglesias, histórico adestrador do Dépor

Tamén adestrador da Selección nacional galega, Iglesias tivo unha dilatada carreira deportiva como xogador case sempre en primeira división. Sevilla, Granada e Oviedo conseguiron gozar do talento de Iglesias que, porén, pasou a gran maioría da súa carreira no Dépor.
Arsenio Iglesias, histórico adestrador do RC Deportivo da Coruña (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Arsenio Iglesias, histórico adestrador do RC Deportivo da Coruña (Foto: RC Deportivo).

O histórico adestrador do Deportivo da Coruña, Arsenio Iglesias, faleceu na xornada desta sexta feira aos 92 anos de idade.

Orixinario de Arteixo, Iglesias debutou coa camiseta branquiazul na temporada 51-52 no campo do Barça. Como adestrador, tamén comezou no Dépor e pasou por outros equipos onde deixou un gran recordo, como o Hércules.

Tamén adestrador da Selección nacional galega, Iglesias tivo unha dilatada carreira deportiva como xogador case sempre en primeira división. Sevilla, Granada e Oviedo conseguiron gozar do talento de Iglesias que, porén, pasou a gran maioría da súa carreira no Dépor.

Selección galega

Foi precisamente na Selección galega onde disputou o seu último encontro como adestrador. Foi no ano 2005 da man do tamén ex adestrador deportivista e do Celta de Vigo, Fernando Vázquez nun partido en que Galiza venceu Venezuela por 3-2 no compostelán estadio de San Lázaro.

En 2020, a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, entregou a Arsenio Iglesias a placa coa que o Concello coruñés lle outorgou o título de fillo adoptivo nun acto no salón do plenos, no cal acudiron familiares do adestrador así como representantes de todas as forzas políticas da Corporación e do Real Club Deportivo da Coruña, e no cal interviron os seus netos Ana e Pedro, quen falaron con emoción do seu avó. 

Mais non foron esas as únias homenaxes que recibiu Arsenio Igrexas polo seu traballo deportivo. Tamén os míticos Diplomáticos de Monte Alto rendían homenaxe á súa figura, xa en 1993: 

Sen dúbida, unha lenda do deportivismo e, en opinión de moitos siareiros do club branquiazul, o mellor adestrador na historia do Dépor.

Comentarios