Tres galegas optan a metal no Europeo de taekwondo

Trátase da primeira proba na que participan desde o pasado mes de marzo.
Sara Cortegoso e Iván García (esquerda e centro da imaxe) son dous dos tres representantes galegos no Europeo. (Foto: FGT)
photo_camera Sara Cortegoso, Iván García e Arlet Ortiz. (Foto: FGT)

As galegas Sara Cortegoso (en -49 quilogramos), Iván García (+80) e Arlet Ortiz (-57) participan no Europeo Sénior de Pesos Olímpicos que se está a disputar desde a xornada desta quinta feira na capital bosnia, Sarajevo.

Todas as representantes do país coincidiron en mostrarse "encantadas" ante a posibilidade de volver competir, e máis nun Campionato de Europa, "logo dun ano tan complicado para todos e todas". Non obstante, as especiais circunstancias nas que se desenvolve o torneo fan que esta edición sexa só de pesos olímpicos, e por esa mesma razón non puntuará para o ránking mundial.

O primeiro en competir foi Iván García, que debutou durante o día de hoxe, máis logo do fechamento desta edición. O deportista, que está adestrando no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), destacou as súas "enormes ganas de volver saír a un tapiz, especialmente despois de non participar en ningún campionato desde marzo, e moito máis sendo un Europeo".

O seu obxectivo é "seguir adaptándome ao peso, pasar as máximas roldas posíbeis e deixalo todo no tapiz. Hai que aproveitar esta oportunidade, que moita xente non ten, e gozala ao máximo”.

Pola súa banda, Sara Cortegoso está concentrada no CAR de Sant Cugat desde o 13 de xullo, traballando duro e "afortunadamente sen ningún tipo de incidencia pola Covid-19". A galega apunta que estivo "adestrando moi duro e sen incidentes todo este tempo". "Síntome preparada e motivada para este campionato e, sobre todo, con moitos desexos de competir e  gozar do evento", apostilou. 

Cortegoso tamén destacou o alto nivel do Europeo, aínda que "como non é puntuábel para o ránking, penso que todas iremos sen esa presión de xogarnos puntos, pero si con ganas de dalo todo e de facelo o  mellor posíbel". 

A súa proba está programada para o día de hoxe, no que tamén competirá Arlet Ortiz, quen, como Iván García, se prepara no CGTD de Pontevedra. "Penso que estamos facendo un moi bo traballo e síntome preparada para competir", apuntou Ortiz. Como as súas compañeiras, leva desde marzo inactiva, polo que non pode agardar "para volver a ter as sensacións da competición despois de tanto tempo", mais móstrase cauta porque "pode que non sexan as mellores".

Comentarios