Psicoloxía e fútbol de base van da man: "Ten que ser un divertimento, pero cun compromiso adaptado á idade"
Baixo o título Fútbol, Innovación e Psicoloxía a USC inaugurou esta cuarta feira un congreso "atípico e moi galego", que busca transferir de forma directa ao mundo do fútbol todo o coñecemento que se está a xerar a través da investigación no ámbito da universidade. Adestradores, xogadores, preparadores físicos, árbitros, psicólogos e afeccionados fan parte do público mais tamén das case 40 mesas de traballo que até a vindeira sexta feira acollerá a Facultade de Psicoloxía da USC.
A idea, explica a Nós Diario o catedrático e presidente do comité organizador, Constantino Arce, tamén é achegar o fútbol á universidade, porque "ten moito que gañar", di. "Os adestradores, "que son os educadores no ámbito deste deporte", reciben clases de psicoloxía, pero apenas representan 5% de todo o coñecemento que lles pode achegar esta titulación. Desde o deporte de base, Arce defende a formación integral da persoa e non só do deportista. "Adestradores e familias teñen que entender o rol do deporte nas súas vidas. Teñen que aprender a compatibilizalo cos estudos e entender en que medida lles axuda a levar un estilo de vida saudábel".
Son obxectivos aos que contribúe e psicoloxía desde as primeiras etapas, unha vez superada a resistencia inicial que supuxo a irrupción desta especialidade no ámbito do deporte. "Hai 20 anos tiñamos dificultades para atopar clubs a onde enviar estudantes en prácticas porque asociaban a psicoloxía con trastornos e psicopatoloxías graves, pero isto foi cambiando e hoxe Celta e Deportivo teñen uns servizos de psicoloxía amplos e ben asentados".
A psicoloxía deportiva atende todas as etapas, desde o fútbol de base até a competición profesional. A clave está na "adaptación", sinala Jacobo Ceide, profesor na escola de adestradores da Federación Galega de Fútbol e até o mes de febreiro psicólogo da selección galega Sub-19 de fútbol sala. Segundo explica a este diario, é importante coñecer o momento evolutivo dos xogadores para sabelo cadrar cos obxectivos deportivos, porque cada etapa require uns contidos e unhas tarefas específicas acaídas ao seu desenvolvemento social, cognitivo e moral.
Para crianzas de 8 e 9 anos o fútbol ten que ser un divertimento, pero con un compromiso adaptado á súa idade
Segundo di, como psicólogos traballan con persoas e con deportistas a un tempo, mellorando o seu autocoñecmento. "Non se pode disociar unha cousa da outra e o máis importante é saber conectar coas súas necesidades persoais e de rendemento". Despois son os adestradores quen teñen que tirar proveito da súa condición, "procurar un bo clima de adestramento, unhas relacións positivas e un traballo en grupo gratificante no que os futbolistas vexan mellorar a súa competencia".
Para todas as idades
As crianzas que se inician no fútbol teñen unha necesidade psicolóxica de "xogar, divertirse e pasalo ben", resume Constantino Arce, pero a medida que van medrando, madurando e pasando a categorías superiores "aparece a necesidade de competencia, de aprender e facerse experto para, talvez algún día, destacar". Non significa que a necesidade de diversión, relación ou pertenza a un grupo desaparezan, "sempre van estar aí", máis a competencia, asociada a un alto rendemento, así como a necesidade de autonomía, gañan protagonismo. "Desde a adolescencia, xogadores e xogadoras queren ser máis partícipes e hai que saberlles ceder unha porcentaxe cada vez maior de poder de decisión, para que tamén se sintan máis motivados, máis implicados e comprometidos".
Alba Lorenzo, membro da Asociación Galega de Psicoloxía da Actividade Física e o Deporte, deu o salto desde a canteira do Celta á do Obradoiro CAB. Cos benxamíns do clubs vigués acompañou os propios xogadores mais tamén o adestrador e algunhas familias, que en moitos casos ocupan 90% do tempo de traballo da aqueles profesionais da psicoloxía que traballan con canteiras de alto rendemento. "Para crianzas de 8 e 9 anos o fútbol ten que ser un divertimento, pero cun compromiso adaptado á súa idade, certo grao de independencia e de respecto polas dinámicas do fútbol: é un xogo pero non podo chegar tarde, non podo faltar aos adestramentos e logo pretender ir ao partido, hai que acordarse de traer auga, estar calado no banquiño, atender aos que xogan cando eu non estou no campo; para min isto é moi importante, unha aprendizaxe para toda a vida".
O fútbol profesional e de alta competición exixe un traballo máis específico, di Lorenzo, de "concentración enfocada ao rendemento, de activación" ou de "volta a calma" tras un partido, engade Ceide. A xestión da presión e do estrés, que ás veces desemboca en ansiedade, e mesmo depresión, é obxecto de sesións individuais que se completan con traballo indirecto dirixido a todo o grupo a través do corpo técnico.
"O fútbol é o deporte masculino por execelencia e representa moitos valores tradicionais que están empezando a mudar grazas ao impacto da psicoloxía pero tamén do exemplo de futbolistas como Iniesta, Borja iglesias ou Brais Méndez, que abertamente recoñecen que sufriron por isto, que aprecian o labor psicolóxico e comparten a súa experiencia", conclúe Alba lorenzo.
