Fútbol galego de irregular anada
Os gourmets do fútbol e do bo viño teñen moito en común. Por exemplo, un resultado nun partido, igual que un caldo, pode ir adquirindo distintas ópticas, sabores e interpretación segundo a persoa que o consuma.
Así, e empregando como exemplo o resultado de empate a dous tantos do Celta na casa do segundo clasificado da Liga, o Sevilla de Lopetegui, pode que nada máis rematar este parecese negativo, pois os celestes chegaron ao tempo de descanso gañando 0-2, pero o devir das horas permite valorar de mellor modo a dimensión dese punto na casa do poderoso conxunto andaluz.
Alí volveron brillar, ademais do sempieterno Iago Aspas -quinto máximo goleador do campionato con só un menos que o segundo- os renacidos Joseph Aidoo e Franco Cervi, indiscutíbeis por méritos propios na libreta do Chacho Coudet.
Punto de ouro lucense ante un candidato ao ascenso
Na Segunda División non hai debate posíbel, pois a unanimidade dos expertos -profesionais ou amateurs- coinciden en resaltar o valor do punto conseguido polo Club Deportivo Lugo ante o Xirona (1-1), co mérito engadido de facelo no fogar do terceiro mellor equipo da categoría como local, un bloque deseñado por e para loitar polo ascenso.
Os homes de Rubén Albés conseguiron conter a superioridade dos locais durante 55 minutos, momento no que se adiantaron os cataláns da man de Bustos. Porén, e cando ninguén daba un peso polo empate, apareceu o goleador Manu Barreiro, que marcou no 80 -tres minutos despois de saltar ao terreo de xogo desde o banco dos suplentes- e mantivo así unha xeira de imbatibilidade albivermella que alcanza xa os nove partidos.
Tan só o Rácing pincha na Primeira RFEF
Na terceira categoría o tropezo do Rácing de Ferrol na Malata ante UD Logroñés (0-1) botou a perder unha xornada que puido ser máxica para a Galiza, pois o Celta B asinou contra Sanse a maior goleada na pequena historia da Primeira RFEF (0-7) e o Deportivo da Coruña demostrou con feitos a súa condición de líder, obtendo unha traballada e sufrida vitoria a costa dun combativo Dux Internacional (2-3). O terceiro e definitivo tanto branquiazul chegaría no tempo de desconto da man de Williams de Camargo.