Fútbol galego de irregular anada

A xornada futbolística adquire, como se dun viño se tratase, matices agridoces a medida que pasan as horas, pois o Celta deixou escapar dous puntos ante o segundo clasificado cando a vitoria parecía asegurada, caso contrario dun Deportivo que da man de Williams de Camargo superou un combativo Dux cando o reloxo marcaba o 91.
Iago Aspas, desculpándose polo seu gol ante a afección do Sevilla, no que xogou na tempada 2014/15. (Foto: La Liga).
photo_camera Iago Aspas, desculpándose polo seu gol ante a afección do Sevilla, no que xogou na tempada 2014/15. (Foto: La Liga).

Os gourmets do fútbol e do bo viño teñen moito en común. Por exemplo, un resultado nun partido, igual que un caldo, pode ir adquirindo distintas ópticas, sabores e interpretación segundo a persoa que o consuma.

Así, e empregando como exemplo o resultado de empate a dous tantos do Celta na casa do segundo clasificado da Liga, o Sevilla de Lopetegui, pode que nada máis rematar este parecese negativo, pois os celestes chegaron ao tempo de descanso gañando 0-2, pero o devir das horas permite valorar de mellor modo a dimensión dese punto na casa do poderoso conxunto andaluz. 

Alí volveron brillar, ademais do sempieterno Iago Aspas -quinto máximo goleador do campionato con só un menos que o segundo- os renacidos Joseph Aidoo e Franco Cervi, indiscutíbeis por méritos propios na libreta do Chacho Coudet.

Punto de ouro lucense ante un candidato ao ascenso

Na Segunda División non hai debate posíbel, pois a unanimidade dos expertos -profesionais ou amateurs- coinciden en resaltar o valor do punto conseguido polo Club Deportivo Lugo ante o Xirona (1-1), co mérito engadido de facelo no fogar do terceiro mellor equipo da categoría como local, un bloque deseñado por e para loitar polo ascenso.

Os homes de Rubén Albés conseguiron conter a superioridade dos locais durante 55 minutos, momento no que se adiantaron os cataláns da man de Bustos. Porén, e cando ninguén daba un peso polo empate, apareceu o goleador Manu Barreiro, que marcou no 80 -tres minutos despois de saltar ao terreo de xogo desde o banco dos suplentes- e mantivo así unha xeira de imbatibilidade albivermella que alcanza xa os nove partidos.

Tan só o Rácing pincha na Primeira RFEF

Na terceira categoría o tropezo do Rácing de Ferrol na Malata ante UD Logroñés (0-1) botou a perder unha xornada que puido ser máxica para a Galiza, pois o Celta B asinou contra Sanse a maior goleada na pequena historia da Primeira RFEF (0-7) e o Deportivo da Coruña demostrou con feitos a súa condición de líder, obtendo unha traballada e sufrida vitoria a costa dun combativo Dux Internacional (2-3). O terceiro e definitivo tanto branquiazul chegaría no tempo de desconto da man de Williams de Camargo.

Comentarios