Fer López, con ilusión por volver alí onde é "feliz", afirma que tivo baixar "bastante" o seu soldo para regresar ao Celta
Fer López foi presentado onte en rolda de prensa tras facerse oficial o seu regreso ao Celta até final de tempada. O canteirán, visibelmente emocionado, atendeu todas as cuestións dos medios de comunicación acompañado de Marco Garcés, director de Fútbol, e de Sergio Álvarez, conselleiro da entidade celeste.
"Quería volver porque é aquí onde son feliz", foron as palabras coas que o xa xogador celeste definiu o seu regreso a casa, unha volta moi desexada tanto por el como por toda a afección do equipo. "Quero volver Balaídos e facer gozar o celtismo estes seis meses como o fixeron até o de agora", acrecentou.
"Ás veces na vida hai decisións que non dependen de ti e falas por máis cousas. Ao final no que me centro é no presente, estou moi contento de estar aquí. Quería agradecer ao Wolves a oportunidade que me deu de xogar na Premier", salientou sobre a súa saída cara ao Reino Unido.
"Non lle dou moita importancia ao que se dixo naquel momento, creo que a afección vaime apoiar agora que estou de volta e iso para min é o máis importante", acrecentou Fer López sobre o seu presente como xogador celeste.
Baixada de salario
"En decembro comunícolle ao meu axente que quero saír de alí porque non estou a gozar dos minutos que me gustaría. Houbo ofertas de España, Italia e Francia, mais eu sempre dixen que quería volver aquí", incidiu para despois desvelar que tivo que baixar "bastante" o seu soldo para facer posíbel a operación. Posteriormente, Garcés engadiu que o Celta tamén pagará "un prezo" pola cesión. "Estamos contentísimos, temos exactamente o que queriamos, a Fer de volta", sentenciou Garcés.
O director de Fútbol do Celta estaría buscando no mercado se xurde unha oportunidade para suplir a saída de Fran Beltrán no mediocentro, mais nesa demarcación Fer López aparece como unha opción no caso de non cheguen reforzos.
"Xa xoguei aí no Bernabéu e en xuvenís con Claudio. Pódoo facer ben como mediocentro un pouco máis chegador. Teño que saber un pouco mellor cando teño que irme ou quedarme. É unha cousa de experiencia na posición. Véxome capacitado", dixo o canteirán.
Non quixo Fer López entrar en potenciais situacións cando acabe o exercicio. "Xa veremos o que pasa entón. Céntrome no presente. O único no que penso é en xogar até final de tempada co Celta e logo o futuro xa veremos", concluíu a flamante fichaxe.

