Falece o técnico galego Pablo Hinójar, seleccionador estatal de ximnasia acrobática
O pontevedrés, de 49 anos, morreu en Madrid a causa dun infarto.
O seleccionador do equipo español de ximnasia acrobática, dobre mini-trampolín e tumbling, o galego Pablo Hinójar, faleceu este sábado aos 49 anos en Madrid, onde se atopaba para participar esta fin de semana xunto a varios deportistas nunha competición, confirmou a Real Federación Española de Ximnasia (RFEG).
"A Real Federación Española de Ximnasia expresa a súa profunda tristeza e consternación tras coñecer o falecemento de Pablo Hinójar Rey (Pontevedra, 1975) esta mañá de sábado. Seleccionador Nacional de dobre mini-trampolín, tumbling e ximnasia acrobática durante os últimos anos, contribuíu á consolidación destas especialidades, alcanzando uns resultados sen precedentes na ximnasia española", sinalou o organismo federativo.
O técnico pontevedrés atopábase na capital do Estado para participar, xunto a deportistas como Melania Rodríguez, campioa de Europa e do mundo de dobre mini-tramp, na competición de homenaxe á ximnasta María Herranz, falecida en abril aos 17 anos por culpa dunha meninxite.
Éxitos no deporte
Como adestrador de Melania Rodríguez, Hinójar logrou o ouro mundial de dobre mini-tramp en varias ocasións, fechando o pasado mes de abril a tripla coroa, cando a galega xunto os títulos de campioa de Europa, campioa do mundo e campioa dos Xogos Mundiais nesta modalidade.
Como seleccionador de trampolín, o combinado español de dobre mini-tramp proclamouse campión do Mundo por equipos en Sofía 2022, subcampión do mundo en Birmingham 2023 e campión de Europa en Guimarães 2024. Na selección nacional de Acrobática, levou ao equipo para lograr os títulos de subcampión de Europa e o de subcampión do mundo, este último leste mesmo ano en Guimarães (Portugal).
"A súa prematura e inesperada morte deixa un oco irreparable tanto para a ximnasia galega como española. A súa paixón e implicación persoal será sempre lembrada polos ximnastas, adestradores, xuíces e persoas amantes do noso belo deporte", destacou a RFEG. "Estamos seguros de que a súa entrega e a súa dedicación pola ximnasia converterase nun exemplo para seguir para os seus ximnastas e para o resto dos adestradores españois. A familia da ximnasia lamenta a súa perda e desde a RFEG sumámonos ás mostras de agarimo cara á súa familia e seres queridos", finalizou.
Condecoración póstuma
Hinójar será condecorado coa distinción ao mérito deportivo da Xunta da Galiza a título póstumo. Así o anunciou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, que lamentou o falecemento do adestrador de ximnasia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), "unha das figuras máis importantes do noso deporte", sinalou.
Diego Calvo enviou unha mensaxe de ánimo e apoio á familia e achegados de Hinójar, así como a toda a ximnasia galega que "está de loito".