Nove equipos da Galiza entran en xogo na primeira eliminatoria da Copa de fútbol
Esta fin de semana non hai competición ligueira nas categorías estatais, pero iso non significa que os e as afeccionadas queden orfas do seu deporte favorito. A Copa colle a remuda, e faino ofrecendo un amplo e interesante programa no que nove equipos galegos aspiran a lograr unha praza na segunda eliminatoria do torneo do K.O.
Non obstante, tan só dous deles son claros favoritos: Real Club Celta e Club Deportivo Lugo. O conxunto celeste, sen apenas tempo de recuperarse tras o sufrido empate ligueiro ante o Raio Vallecano, baixa o pano competitivo -agora si definitivamente- até o próximo 31 de decembro cun choque ante un Algar que milita na Preferente e que está previsto para as 16 horas do domingo en terras murcianas.
O encontro dos celestes perigou até o último momento por mor do rexeitamento da Federación a disputalo no estadio Cartagonova (Cartaxena), debido ao mal estado do céspede, mais finalmente o balón rodará no Artés Carrasco de Lorca. Carlos Carvalhal aproveitará o compromiso para seguir afondando na implantación das súas ideas e conceptos tácticos, aínda que optando por dar a oportunidade de xogar a habituais suplentes como o porteiro Iván Villar ou o sueco Williot Swedberg.
Por parte lucense, o seu principal obstáculo para vencer o histórico Arenas de Getxo (sábado, 18 horas) da Segunda RFEF serán as reducidas dimensións do campo da Gobela, moi diferentes ás que están familiarizados os futbolistas albivermellos.
No Deportivo-Guixuelo (sábado, 17 horas), Sestao-Rácing de Ferrol (sábado, 18 horas), Manresa-Pontevedra (domingo, 12 horas) e Coruxo-Eldense (domingo, 17 horas) resulta moito máis complicado vaticinar un resultado.
O Guixuelo é o segundo clasificado do Grupo 1 da Segunda Federación, polo que o sempre irregular Dépor non debe menosprezalo, situación análoga á dos Diaños Verdes cun Sestao que tamén ocupa o segundo posto, no seu caso no Grupo 2. Tamén está na zona nobre da cuarta categoría o Manresa, terceiro no Grupo 4, polo que non é descartábel que dea a sorpresa sobre un Pontevedra en horas baixas. E o Coruxo-Eldense ofrecerá un duelo de poder a poder entre dúas das escuadras máis en forma da Segunda Federación.
Finalmente, no Barbadás-Valladolid (sábado, 16 horas), Ourense-Alcorcón (sábado, 17 horas) e Arenteiro-Almería (sábado, 21 horas) as opcións de vitoria galega son remotas, pero a festa nas súas localidades está garantida.