Nove equipos da Galiza entran en xogo na primeira eliminatoria da Copa de fútbol

Celta, Lugo, Deportivo, Rácing de Ferrol, Pontevedra, Coruxo, Ourense, Arenteiro, Barbadás compiten entre o sábado e o domingo.
O Arenteiro, que fixo un gran papel o ano pasado co Valencia, repite cun primeira: a UD Almería. (Foto: CD Arenteiro).
photo_camera O Arenteiro, que fixo un gran papel o ano pasado co Valencia, repite cun primeira: a UD Almería. (Foto: CD Arenteiro).

Esta fin de semana non hai competición ligueira nas categorías estatais, pero iso non significa que os e as afeccionadas queden orfas do seu deporte favorito. A Copa colle a remuda, e faino ofrecendo un amplo e interesante programa no que nove equipos galegos aspiran a lograr unha praza na segunda eliminatoria do torneo do K.O.

Non obstante, tan só dous deles son claros favoritos: Real Club Celta e Club Deportivo Lugo. O conxunto celeste, sen apenas tempo de recuperarse tras o sufrido empate ligueiro ante o Raio Vallecano, baixa o pano competitivo -agora si definitivamente- até o próximo 31 de decembro cun choque ante un Algar que milita na Preferente e que está previsto para as 16 horas do domingo en terras murcianas.

O encontro dos celestes perigou até o último momento por mor do rexeitamento da Federación a disputalo no estadio Cartagonova (Cartaxena), debido ao mal estado do céspede, mais finalmente o balón rodará no Artés Carrasco de Lorca. Carlos Carvalhal aproveitará o compromiso para seguir afondando na implantación das súas ideas e conceptos tácticos, aínda que optando por dar a oportunidade de xogar a habituais suplentes como o porteiro Iván Villar ou o sueco Williot Swedberg.

Por parte lucense, o seu principal obstáculo para vencer o histórico Arenas de Getxo (sábado, 18 horas) da Segunda RFEF serán as reducidas dimensións do campo da Gobela, moi diferentes ás que están familiarizados os futbolistas albivermellos.

No Deportivo-Guixuelo (sábado, 17 horas), Sestao-Rácing de Ferrol (sábado, 18 horas), Manresa-Pontevedra (domingo, 12 horas) e Coruxo-Eldense (domingo, 17 horas) resulta moito máis complicado vaticinar un resultado.

O Guixuelo é o segundo clasificado do Grupo 1 da Segunda Federación, polo que o sempre irregular Dépor non debe menosprezalo, situación análoga á dos Diaños Verdes cun Sestao que tamén ocupa o segundo posto, no seu caso no Grupo 2. Tamén está na zona nobre da cuarta categoría o Manresa, terceiro no Grupo 4, polo que non é descartábel que dea a sorpresa sobre un Pontevedra en horas baixas. E o Coruxo-Eldense ofrecerá un duelo de poder a poder entre dúas das escuadras máis en forma da Segunda Federación.

Finalmente, no Barbadás-Valladolid (sábado, 16 horas), Ourense-Alcorcón (sábado, 17 horas) e Arenteiro-Almería (sábado, 21 horas) as opcións de vitoria galega son remotas, pero a festa nas súas localidades está garantida.

Comentarios