O enésimo caneo de Javier Tebas sálvao da xustiza

Máis regate que Garrincha. Máis tentáculos que un polbo. Máis vidas que un gato. Así é Javier Tebas, o intocábel presidente da Liga de Fútbol Profesional (LFP), un axioma que volve ser confirmado logo do arquivo por parte da Fiscalía Provincial de Madrid da enésima denuncia que recibe o mandatario.
Javier Tebas dirixe a LFP desde o ano 2013, tempo no que multiplicou por tres o seu salario, de 350.000 a 1,2 millóns de euros anuais. (Foto: Europa Press).
photo_camera Javier Tebas dirixe a LFP desde o ano 2013, tempo no que multiplicou por tres o seu salario, de 350.000 a 1,2 millóns de euros anuais. (Foto: Europa Press).

Máis regate que Garrincha. Máis tentáculos que un polbo. Máis vidas que un gato. Así é Javier Tebas, o intocábel presidente da Liga de Fútbol Profesional (LFP), un axioma que volve ser confirmado logo do arquivo por parte da Fiscalía Provincial de Madrid da enésima denuncia que recibe o mandatario de 58 anos, neste caso por, entre outros feitos, a viaxe do Fuenlabrada á Coruña con casos positivos de Covid-19 entre as súas filas para disputar o derradeiro partido da pasada Liga ante o Deportivo.

A Fiscalía considera que parte da causa "xa estaba a ser investigada" por un xulgado da cidade herculina e que, polo tanto, "non hai ningún tipo de relevancia penal no resto das actuacións" de Tebas descritas na denuncia anónima presentada contra el. 

Unha vez máis, Javier Tebas sae impune dunha grave acusación, facendo que vistas en perspectiva resulten aínda máis entenrecedoras as palabras pronunciadas por Fernando Vidal na súa despedida como presidente deportivista a semana pasada, destacando como un logro da súa presidencia "pór contra as cordas o presidente da Liga de Fútbol Profesional".  

Porque Tebas, seguindo co argot do boxeo, é un faxador nato con máis cintura que Mohammed Ali e mellor queixada que LaMotta, que nada nin ninguén foi capaz de tumbar en 40 anos e, por suposto, o 'Caso Fuenlabrada' non vai ser unha excepción.

Uns métodos aprendidos en Fuerza Nueva

Exemplo vivente da 'modélica transición' española, Javier Tebas Medrano pasa en 30 anos de ser responsábel de comunicación e delegado en Huesca da formación fascista Fuerza Nueva a principios dos 80 a resultar escollido democraticamente como presidente da Liga de Fútbol Profesional polo conxunto dos clubs de Primeira e Segunda.

Por suposto, durante o camiño non se esqueceu dos vellos camaradas, como o ex presidente do Sevilla José María Del Nido. Detido en 1978 por participar nunha malleira a sindicalistas xunto co seu pai e outros militantes de Fueza Nueva, Tebas solicitou vehementemente o seu indulto após ser condenado a sete anos de cárcere por unha fraude no Concello de Marbella superior a sete millóns de euros.

Avogado de formación -como Del Nido-, con só 25 anos funda o despacho Tebas & Coiduras, desde o que comezou a tecer a rede de contactos e intereses que o levou a ser escollido presidente da LFP en 2013, a pesar dos numerosos escándalos que acumula.

O primeiro foi a súa desastrosa xestión no Huesca, hoxe de Primeira División, do que se fai cargo en 1992 e que abandona penando na Terceira e afogado polas débedas en 1998, mesmo ano no que contribúe como asesor xurídico ao asalto do histriónico Marcelo Tinelli á presidencia do Badajoz, que tivo como consecuencia a posterior desaparición do histórico club estremeño.

Pero non pasou nada. Tres anos despois, en 2001, era investido vicepresidente da Liga e continuaba dirixindo concursos de acredores de distintos equipos de fútbol -até 23- e asesorando estrafalarios dirixentes como Dmitri Piterman.

Recoñecido machista, racista e xenófobo, o magnate ucraíno foi propietario do Alavés entre 2004 e 2007, un tempo no que Tebas foi a súa fiel man dereita e no que afundiu o equipo vitoriano, chegando a estar en busca e captura para render contas por unha xestión desastrosa que multiplicou por tres a débeda da entidade, o que non foi óbice para que Javier Tebas continuase coa súa carreira como se nada. 

Nin sequera a sempre implacábel Axencia Tributaria puido con el. Investigado desde 2017 por unha fraude próxima a cinco millóns de euros, oportunamente xurdiu un suposto interese da liga italiana por facerse cos seus servizos, o que levou a patronal do fútbol a subirlle o salario a 1,2 millóns anuais -cifra tres veces superior á percibida polo seu predecesor no cargo- e a concederlle un adianto dunha anualidade para axudalo a superar os seus problemas co fisco. Porque, adaptando a célebre frase de Gary Lineker, o fútbol é un deporte de 11 contra 11 no que sempre gaña Javier Tebas.

Comentarios