Tebas, acurralado: o Goberno español leva ante a Fiscalía os seus lazos co Fuenlabrada

O Goberno estatal presentou ante a Fiscalía unha demanda contra o presidente da Liga de Fútbol Profesional (LFP), Javier Tebas, pola súa presunta vinculación co Club de Fútbol Fuenlabrada, o conxunto do sur de Madrid no que traballa o seu fillo.
Javier Tebas Medrano, presidente da Liga de Fútbol Profesional. (Foto: Europa Press).
photo_camera Javier Tebas Medrano, presidente da Liga de Fútbol Profesional. (Foto: Europa Press).

O Goberno estatal presentou ante a Fiscalía unha demanda contra o presidente da Liga de Fútbol Profesional (LFP), Javier Tebas, pola súa presunta vinculación co Club de Fútbol Fuenlabrada, o conxunto do sur de Madrid no que traballa o seu fillo e que saltou á actualidade galega logo de que se presentasen na cidade da Coruña para disputar contra o Dépor o derradeiro partido da Segunda División con casos positivos en Covid-19 entre o seu cadro de xogadores e corpo técnico, feito do que o propio Tebas se recoñeceu "único responsábel" nun chío na rede social Twitter.

O Executivo puxo en coñecemento do Ministerio Público os presuntos vínculos do presidente da Liga co Fuenlabrada, que corre o risco de ser descendido a Segunda B se a Xustiza considera que non respectou o protocolo anti-coronavirus, logo de que quedase claro nas últimas semanas que os órganos da "xustiza deportiva" tanto da Liga de Fútbol Profesional como da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) botasen terra sobre o asunto.

Así, a pasada sexta feira o ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, deu instrucións a Irene Lozano, secretaria de Estado para o Deporte, de acudir á Xustiza despois de que nas últimas semanas se fosen sucedendo "informacións preocupantes", segundo indicaron fontes do Executivo estatal, en referencia a uns presuntos vínculos de Javier Tebas Medrano co Fuenlabrada que "xeran alarma en numerosos ámbitos do deporte".

O presidente da Liga defendeu que o Fuenlabrada, clube no que un dos seus fillos, Javier Tebas Llanas, está integrado no Consello de Administración, "non incumpriu o protocolo sanitario", e que a disputa do Dépor-Fuenlabrada co resto da xornada finalizada, e a pesar de que os coruñeses estaban xa matematicamente descendidos, foi perfectamente legal.

Liga e Federación, na mesma páxina 

Facendo bo ese dito de "entre pais, fillos e irmáns, non metas as mans", os feitos non fan senón demostrar que as aparentes diferenzas entre Liga e Federación, é dicir, entre Tebas e Rubiales non son máis que iso, aparentes.

Unha boa proba é que ambas as institucións veñen de facer público un documento coordinado para introducir unha serie de normas vinculadas á pandemia da Covid-19.

Así, entre outras medidas, estabelecen a necesidade de contar con estadios alternativos, un modelo distinto de play-off a partido único ou que "a prohibición por parte das autoridades sanitarias de realizar adestramentos non poderá ser causa de suspensión dos partidos".

Comentarios