Derbi galego entre Viaxes Amarelle e Ourense Envialia

Os partidos de Poio e Burela foron adiados
Ourense adxudicouse o último derbi ante o Amarelle por 2-1. (Foto: Viaxes Amarelle).
photo_camera Ourense adxudicouse o último derbi ante o Amarelle por 2-1. (Foto: Viaxes Amarelle).

O calendario deparou un derbi galego entre Viaxes Amarelle e Ourense Envialia na décima xornada de Liga, que abre o ano na Primeira División de fútbol sala e que se desenvolverá mañá a partir das 18.30 horas no Pavillón Municipal da Sagrada Familia da Coruña.

Así, a escuadra herculina recibe a un Ourense Envialia FSF que iniciou a competición coa aspiración de loitar por estar entre os catro primeiros clasificados do grupo e poder pelexar polo título de liga, e logo da primeira volta atópase na cuarta posición con 15 puntos no marcador.

O conxunto dirixido por  Morenín suma 18 goles a favor e 19 tantos en contra tras os primeiros oito encontros disputados neste inicio de tempada, e un balance total de cinco vitoras e tres derrotas, atopándose inmerso nunha positiva xeira de resultados con tres triunfos consecutivos, que o levaron a meterse nos cuartos de final da Copa da Raíña de fútbol sala.

Pola súa banda, a entidade laranxa acumula practicamente un mes sen disputar ningún partido de competición oficial, logo da disputa do encontro de dezaseisavos de final de Copa contra o Ence Marín Futsal, polo que chega a este encontro con "moitas ganas de comezar esta segunda volta, de puntuar e de poder sumar o máximo número de puntos durante esta fase da competición regular", indicou un Jorge Basanta que contará con todo o cadro de xogadoras á súa disposición, coa única excepción da mancada Martita, que foi operada do ligamento cruzado anterior do seu xeonllo o pasado día 7 de xaneiro.

Filomena obriga a adiar o partido do Burela

Os outros encontros da décima xornada ligueira con presenza galega son o Cidade das Burgas-AE Penya Esplugues (mañá ás 17 horas), o Poio Pescamar-Leganés e o Pescados Rubén Burela-AD Alcorcón.

Non obstante, estes dous último non poderán ter lugar polo de agora. No último caso, porque así o resolveu o Xuíz de Competición tras a solicitude do equipo alfareiro polo temporal de neve, que imposibilita o seu desprazamento.

No caso do Poio Pescamar, a razón xunta as dificultades do Leganés para o seu traslado e a situación de corentena na que se atopan as xogadoras pontevedresas logo de detectar tres casos positivos na Covid-19.

Comentarios