domingo 11/04/21

Burela e Poio reeditan a final da Copa da Raíña na Supercopa

Mañá tamén se disputará a Copa Galiza de fútbol sala entre Burela e Noia.
A última vez que se enfrontaron Burela e Poio saíron campioas as da Mariña. (Foto: Burela FS).
A última vez que se enfrontaron Burela e Poio saíron campioas as da Mariña. (Foto: Burela FS).

Apenas tres semanas despois da histórica final da Copa da Raíña entre Pescados Rubén Burela e Poio Pescamar, que se saldou con vitoria das da Mariña, a Supercopa dará a oportunidade ás de Pontevedra de resarcirse da súa derrota.

O Pavillón de Vista Alegre, fogar do Pescados Rubén, acolle mañá ás 12 horas un torneo que se disputa a partido único entre ambos os conxuntos galegos e que será televisado por Teledeporte. Ademais, as autoridades sanitarias autorizaron a presenza de até 200 persoas para que gocen do espectáculo desde as bancadas.

Manuel Cossío, técnico do Poio Pescamar, recoñece que o Burela "é favorito, porque xogan na súa casa e porque o ano pasado gañárono todo e este levan un percorrido inmaculado". Non obstante, apostila que "aínda que parece que teñen todas as circunstancias ao seu favor, no deporte non sempre dous máis dous é igual a catro. Levarémolas ao límite, como xa fixemos na final de Copa, pois para nós esta é unha oportunidade única para gañar un título". 

No bando laranxa, polo contrario, pretenden que se repita o conto do pasado día 18 de decembro e sumar así a terceira Supercopa de España do seu palmarés. "Isto é como un desexo feito realidade... pelexar por un título en Burela por segunda vez na nosa historia e ter a oportunidade de conseguir un triplete é un momento moi importante para o noso clube e para todo o deporte da Mariña", apuntaba a brasileira Jozi. 

Con todo, a gardameta do Pescados Rubén non se confía, e considera que o Poio "virá con moitas ganas de desquitarse, pero aquí estamos plenamente ilusionadas e enchufadas para defender o noso trono e conseguir a terceira Supercopa".

Dupla sesión de fútbol sala coa Copa Galiza

Pouco tempo despois de que finalice a Supercopa de España en Burela, concretamente ás 17 horas, está previsto que comece no Pavillón da Gándara, en Narón, a XXIX Copa Galiza de fútbol sala masculina. Os contendentes serán o Noia Portus Apostoli e, de novo, o Pescados Rubén Burela, na que podería chegar a ser a xornada máis gloriosa na historia da entidade mariñá. 

O torneo chega á súa fin 16 meses despois de que un xa moi afastado 23 de agosto de 2019 se disputase o primeiro partido desta edición, que se viu moi afectada no seu desenvolvemento polas consecuencias da pandemia do coronavirus.

Para chegar á gran final a escuadra laranxa tivo que desfacerse de Concello de Begonte FS, Ribeira FS, SD Xove FS e O Parrulo Ferrol FS, mentres que o Noia eliminou na súa chave a Estrada Futsal, ADFS Bueu, Pizarras Tres Cuñados e Santiago Futsal.

De proclamarse campión o Burela conquistaría o seu segundo título de campión galego -despois do que gañou na tempada 2017/18-, mentres que para o Noi Portus Apostoli será unha cita histórica, pois é a primeira vez que se clasifica para a gran final da Copa Galiza. 

Como xa se viu no partido amigábel de pretempada, último precedente de enfrontamento entre estes dous conxuntos, ambos son capaces de ofrecer un grande espectáculo de fútbol sala, algo que, cun título en xogo e coas cámaras da TVG2 emitindo en directo, de seguro que farán sobre o parqué do Municipal da Gándara de Narón, pois son dos dous equipos máis en forma da actualidade.

comentarios