A PREVIA | O Deportivo recibe o Córdoba buscando unha vitoria que o achegue ao play-off
O Deportivo, tras a vitoria conseguida a pasada fin de semana en Oviedo, volve esta sexta feira á Coruña coa súa afección para enfrontarse ao Córdoba (Riazor, 21 horas). Os andaluces son rivais directos na clasificación dos coruñeses, que superan por só tres puntos, na loita por meterse no play-off de ascenso.
Precisamente este foi un dos temas que tratou esta quinta feira o adestrador branquiazul, Óscar Gilsanz, na rolda de prensa previa a este compromiso na Liga. “Penso sempre no mesmo, e neste caso é no Córdoba. Penso no meu equipo, en ser estábeis e fiábeis. É o que me preocupa máis aló de vir dunha vitoria ou unha derrota”, asegurou.
Para o técnico betanceiro, o que disputarán co Córdoba “é un partido importante e difícil” por estar o equipo andaluz “nun momento moi bo”. Diante disto, a súa receita será “ser competitivos” e buscar “ser estábeis e que o equipo sexa capaz de xogar un bo partido”.
Sen cambios no vestiario
En relación aos xogadores dispoñíbeis para o choque, Gilsanz informou de que as baixas son as mesmas que as da semana pasada: Escudero e Gauto, que non poderán competir durante as próximas semanas. "Yeremay e Mfulu non fixeron parte do adestramento, mais agardo que non haxa problemas", aclarou o técnico.
No caso de Yeremay, unha peza fundamental nesta altura da Liga para o Dépor, Gilsanz tranquilizou a afección sinalando que "as molestias que poida ter son parte do día a día. É o seu primeiro ano no fútbol profesional, pero non só el, hai varios máis".
Por último, o técnico opinou sobre xogar nas sextas feiras:“Dígovolo despois do partido. Somos profesionais e hai que adaptarse, o problema é para os afeccionados".
