Entrevista

Fran González, o eterno capitán que fixo do Dépor un sentimento: "Cumprín un soño"

O penalti de Djukic, as noites de gloria en Riazor, a ilusión dun neno da casa que pasou a ser capitán e liderar o equipo da súa vida na súa época de esplendor... Son innumerábeis todas as vivencias de Fran González defendendo as cores do seu Deportivo e hoxe aínda o acompañan. 
O histórico capitán do 'SuperDépor', Fran González, na bancada de Riazor. (Foto: RC Deportivo)
O histórico capitán do 'SuperDépor', Fran González, na bancada de Riazor. (Foto: RC Deportivo)

Francisco Javier González Pérez (Ribeira, O Barbanza, 1969) proclamouse hai dez días campión da Liga de Equipos de Veteranos da Galiza de pádel. Dito así pasaría desapercibido, pero ese Francisco, Fran, que se pasea polas pistas de pádel desfrutando agora doutro deporte é o histórico Fran, O Neno, ou tamén coñecido na Coruña como ‘o Fran do SuperDépor’. E neste 2025 fanse precisamente 30 anos das primeiras Copa e a Supercopa gañadas polo Deportivo, e 25 da Liga e a Supercopa do 2000. Dous anos máis tarde sumaría outros dous títulos, Copa –a do ‘Centenariazo’– e Supercopa.

Fran é un dos xogadores míticos do Dépor, ademais de ser o que máis partidos oficiais xogou coa camiseta branquiazul, co equipo da súa cidade, do que tamén foi capitán. “Cumprín un soño. Ser da casa, estar aí toda a vida, desde a canteira, cos éxitos que acadou o equipo… era un motivo de grande orgullo ser o capitán dese equipo e, ademais, cos xogadores que o conformaban, de primeirísimo nivel”, lembra un emocionado Fran en conversa con Nós Diario.

Aquela etapa, de seguro, non se poderá borrar nunca da memoria do deportivismo e, como non, do seu histórico capitán. “Teño moitísimas lembranzas, estiven moitos anos, 18, desde o debut até o ansiado ascenso a Primeira… era un soño feito realidade. Despois viñeron os títulos: Liga, Supercopas, Copas… xogando contra os mellores equipos do mundo, e tamén na Champions, onde fixemos partidos incríbeis.  A verdade é que non podo máis que estar agradecido por todo o que me pasou e o que me deu o fútbol e a cantidade de cousas bonitas que me pasaron mentres fun xogador do Dépor”, afirma.

Mais, coma en todo, entre as lembranzas hai momentos fermosos e outros que non o son tanto. O penalti de Djukic en 1994 é ese pesadelo recorrente que aínda moitos e moitas teñen na Coruña. “Ese seguramente foi o día máis triste e duro como xogador e, por suposto, como deportivista que son. Hai cousas duras, como as lesións, que eu tiven bastantes… Pero ese penalti foi o momento máis duro da miña carreira deportiva, porque a ilusión que tiñamos por gañar esa Liga... Ademais, eramos un grupo que o mereciamos. Tiñamos unha ilusión tremenda”, lembra. “Foramos líderes toda a tempada e chegou ese partido e perdemos. Xusto despois viñeron as vacacións de verán, foi durísimo. Tiña as vacacións xa organizadas e ao final paseinas medio fechado en Ribeira; non tiña ganas de nada. Aínda que despois comezou a tempada seguinte e vaste esquecendo, é algo que queda aí para toda a vida. Incluso hoxe boto a vista atrás e dóeme. Dóeme moito. A xente lémbrao, ves as imaxes… doe aínda que despois gañásemos Liga, Copa…”, admite o deportivista.

A forza de Riazor

Porén, de entre as lembranzas positivas para Fran destaca o apoio da afección branquiazul. “Cando eu comecei no Dépor realmente había poucos afeccionados. Era un equipo que desilusionara moito á cidade e en Riazor en moitos partidos había máis asentos baleiros que ocupados. Pero despois o equipo comezou a xerar ilusión, a gañar partidos… A xente volveuse enganchar e cando subimos a Primeira veu o auténtico boom  do que foi o SuperDépor. Loitar por títulos penso que xerou que moitos nenos naquela época tivesen como primeiro equipo o Dépor. Antes a xente era do Madrid ou do Barça… o típico”, relata.

O panorama hoxe é ben distinto: “Agora é unha marabilla ver toda esa cantidade de xente, moi nova, que ten como único equipo o Dépor. Creo que temos unha das mellores afeccións e que todo iso vén en parte de todo o que xeramos aquel equipo que ao final conseguiu títulos e, así mesmo, xerou ilusión na xente. Riazor agora é unha pasada”, di, orgulloso.

Se hai un adestrador que marcou a carreira de Fran foi, “evidentemente, Arsenio [Iglesias]; eu tiña 18 anos, comecei a xogar con el”. “Pero máis tarde, sen dúbida, foi [Javier] Irureta. Cando el chegou había certos problemas no equipo e eu non era o capitán do Dépor. El díxome que tiña que selo, que era un xogador da casa, que levaba alí toda a vida e que por iso eu debía ser o capitán. Ademais, despois conseguimos a Liga, a Copa…”, apunta.

Após o seu paso polo Dépor, Fran seguiu vencellado ao fútbol. “Toda a miña vida estivo arredor do fútbol. Primeiro como xogador, despois noutras situacións. Eu bótolle a culpa, entre comiñas, ao meu fillo. Comezou a xogar con 6 anos e eu fixen o que moitos outros pais: ir a todos os partidos, dun lado para outro, seguíndoo de perto. Eu ademais estiven nas categorías base do Dépor, tamén tiven a oportunidade de dar un ‘Máster’ na academia do Manchester City. Alí aprendín grazas a poder ver os adestramentos de [Pep] Guardiola”, salienta.

Do seu paso por Abegondo, destaca: “Desfrutei moitísimo mentres fun director do fútbol base do Dépor, onde puiden poñer en práctica a experiencia acumulada que aprendera do meu paso polo Barcelona e polo Manchester City. Conseguimos coa base uns éxitos fantásticos que serviron tamén para pór de manifesto que, na Galiza e na Coruña, temos xogadores fantásticos”, asegura.

Sobre a posibilidade de voltar ao Dépor en calidade de adestrador, directivo ou nalgún outro posto, Fran González non fecha as portas. “Non o sei. A vida dá moitas voltas continuamente, non se sabe onde está o futuro, onde está a felicidade, que é o que eu digo sempre. Se aceptas algo, tes que sentilo realmente. Estar moi a gusto co que fagas, que sexas feliz. Eu fun un privilexiado, sempre traballei no que me facía moi feliz”, conclúe cun sorriso.

O apoio de Riazor e da afección en cada partido, "unha auténtica tolemia"

Aínda que Fran non forme parte agora mesmo do Dépor, sempre o será da súa historia, legado e, tamén, como un deportivista máis. A esa afección mándalle unha mensaxe. “Eu diríalles a todos os afeccionados que o da afección do Dépor é unha auténtica tolemia. A min non paran de sorprenderme con ese apoio incondicional que, xornada a xornada, brindan aos xogadores”, afirma.

Mais tamén admite “Ás veces sinto… non digo envexa, pero hai algo dentro que me parece incríbel. Agora, por exemplo, no partido en Burgos e en moitos outros fóra da casa, hai unha enorme cantidade de xente que vai até alí, que fai un montón de quilómetros. Que máis lle podes pedir a unha afección así? Que sigan, que estean co equipo, que son unha auténtica pasada. Ver Riazor cheo incluso superando a asistencia a partidos de Primeira División…”, destaca o histórico capitán.

“A esta afección só se lles pode dicir que chapó. Que sigan así, que sigan apoiando o equipo coma o están facendo”, conclúe, cunha mensaxe para a afección branquiazul. O estadio de Riazor conta cunha capacidade para 32.912 seareiros e seareiras e un promedio de asistencia, no que vai de campaña, de 23.179 persoas nas bancadas. Unha estatística só superada na Segunda División pola Rosaleda, o campo do Málaga.

Quen sabe se outro xogador de equipo, outro nome da casa, será quen de devolver o Dépor, xunto coa afección, á época gloriosa que, noutrora, liderara co brazalete de capitán o inesquecíbel Fran González.

Comentarios