O Deportivo busca volver á senda da vitoria na Liga antes de recibir o Atlético
O Real Club Deportivo disputará este sábado a partir das 18.30 horas un encontro de Liga contra As Palmas no estadio de Gran Canaria chave para recuperar as boas sensacións na competición da regularidade antes de medirse na Copa ao Atlético de Madrid, na terza feira en Riazor. Gañar en territorio canario permitiría mudar a situación actual do equipo, que leva xa catro xornadas consecutivas sen coñecer a vitoria –desde finais de novembro non gaña en Liga–, após tres derrotas consecutivas contra Castellón (1-3), Real Sociedade B (0-3) e Andorra (1-0) e un empate contra o Cádiz (2-2).
Pola súa parte, As Palmas recibe o Deportivo nunha situación que semella máis privilexiada, con catro partidos consecutivos sen perder, desde o 30 de novembro contra o Castellón, cando caera por un gol.
Os de Hidalgo, que se atopan no quinto posto da táboa con 33 puntos –dous por riba do Cádiz, fóra do play-off, e a catro do ascenso directo–, chegan ao encontro coa baixa sensíbel de Miguel Loureiro por acumulación de cartóns amarelos. Só el, Soriano e un Yeremay que regresa á súa cidade natal foron titulares en todos os partidos de Liga até o momento. "Vai saír outro compañeiro e o vai facer igual de ben ca el, mais imos ver por onde temos ese equilibrio para que o equipo estea ben estruturado", sinalou este sábado o adestrador, preguntado pola ausencia de Loureiro.
Ademais, Hidalgo sinalou que, aínda que non hai moitos xogadores con molestias, Ximo e Escudero seguen nun proceso de recuperación no que "non están ao 100% como para poder competir desde o primeiro minuto". Engadiu tamén que as lesións de ambos os dous futbolistas foron "de longa duración, musculares e tendinosas", e que "ao mellor precisan un pouco máis de tempo para poder participar" de novo nun partido sen teren molestias.
Un encontro complicado e fóra da casa
"Vai ser un partido complicado, como todos os da categoría, pois é un rival que está nunha situación semellante á nosa", afirmaba o adestrador. E é que As Palmas, equipo aos mandos de Luis García, ocupa a segunda posición só un punto por detrás do Racing de Santander, que encabeza a clasificación con 38 puntos. As Palmas é, ademais, o equipo menos goleado da categoría –12 goles en contra no que vai de curso–.
"Van xogar na casa, coa súa afección, e é un encontro importante para os dous equipos", sostiña o técnico do conxunto coruñés en rolda de prensa. "Seguramente somos un dos equipos da competición que menos fatas provoca, e eles seguen unha dinámica semellante, sen facer demasiadas, mais temos que ler ben o xogo e visualizar posíbeis faltas que poderiamos facer. O que me pon nervioso é non gañar", engadía Antonio Hidalgo ante os medios.
Con este encontro os coruñeses fecharán a primeira volta da Liga nunha tempada na que comezaron moi fortes co obxectivo de lograr o tan desexado ascenso a Primeira.
Os branquiazuis, que regresarán mañá á Coruña, veñen dun empate contra o Cádiz que deixou un sabor agridoce e só conseguiron sumar un punto dos últimos 12 posíbeis, pasando de ser líderes a estar a cinco puntos da primeira praza e a catro da segunda. Unha vitoria no encontro de hoxe traduciríase nun grande empurrón para o equipo de Hidalgo.
A preparación de cara ao partido do Atlético
Como indicaba Diego Villares, capitán do conxunto coruñés, en rolda de prensa a pasada cuarta feira, o Deportivo centrouse na preparación deste partido contra As Palmas ao ser "un partido moi importante", sen querer aínda pensar na Copa do Rei. "Deixaremos a preparación contra o Atlético para a semana que vén", admitía o centrocampista. Ademais, engadía que "o Atlético vén sendo durante os últimos anos un equipo moi forte a nivel estatal, mais non llo imos deixar fácil porque queremos seguir na Copa".

