Carolina Pedreira, a gran promesa do fútbol sala internacional que xoga en Poio
O Poio Pescamar comezou 2026 por todo o alto, e non só por gañar os seus últimos dous partidos xogados. Unha das súas xogadoras, Carolina Pedreira, foi escollida polo portal Futsal Plantet, que cada ano outorga premios aos e ás mellores xogadoras de fútbol sala do mundo, como mellor xogador moza do ano 2025. A portuguesa xa fora finalista en 2024 cando militaba no Burela, antes de fichar polo Poio e debutar co seu novo equipo na presente tempada. Entre as finalistas a mellor premio de porteira tamén estaba outra xogadora deste club, Elena.
Carolina Pedreira recibe a noticia con moita satisfacción. “Só podo dicir que estou moi orgullosa e moi feliz. Non estiven pensando moito nisto antes de que saíran os resultados”, indica a Nós Diario. A noticia colleuna comendo co seu grupo de amigas e deuse de conta cando revisou o móbil e viu que o seu pai e a súa familia lle mandaran varias mensaxes de WhatsApp: “Faime moi feliz que a xente o valore e se alegre por min”.
Non é o primeiro nin vai ser o último premio que recibirá na súa carreira profesional. Xa foi campioa da Copa da Raíña co Burela e proclamouse subcampioa do mundo coa selección de Portugal no seu primeiro Mundial, disputado en Filipinas a finais do ano pasado.
Triunfos en pouco tempo
A verdade é que Pedreira xa se converteu nunha peza fundamental deste Poio Pescamar a pesar do pouco tempo que leva xogando con elas, un total de seis meses, media tempada. “Desde o primeiro minuto sentinme moi querida por todos e levámonos todas xenial. Temos tamén un equipo moi competitivo”, conta. No que vai de curso, disputou 16 partidos entre Primeira División, Copa da Raíña e Copa Galiza, sendo titular en 9 deles, anotando 10 goles –segunda máxima goleadora do equipo– e dando 3 asistencias.
Ante a pregunta de se espera estar moitas máis tempadas compartindo triunfos e momentos con este equipo, a resposta da xogadora é clara: “Quero facer unha boa tempada en Poio, dar o meu máximo e ver se gañamos algún título este ano”. Se pomos a perspectiva no futuro, espera ter boa sorte coa Selección Portuguesa, o que para ela é “un orgullo moi grande”. Con todo, o que agarda é seguir aprendendo e desfrutando dunha das cousas que máis lle gustan.
Luis López, técnico do Poio: "Pedreira é unha grandísima xogadora"
O Poio Pescamar celebra tamén o recoñecemento da súa xogadora e destaca o seu traballo e esforzo, non só para conseguir este premio, tamén no seu día a día. "Estamos moi contentos, moi orgullosos, tanto por Carolina Pedreira como por Elena", asegura a Nós Diario Luis López, adestrador do equipo. Para o club significa moito ter no seu vestiario xogadoras que conten cun recoñecemento de fóra."Intentamos que a dinámica de vitorias destes dous últimos partidos non pare para que elas sigan medrando e poidan ter recoñecementos a nivel persoal", prosegue López. E 2026 comezou da mellor maneira para un Poio que agarda que a xogadora portuguesa continúe adestrando con elas por moitas máis tempadas. "Procuramos que todo o mundo se sinta cómodo no club", conclúe o seu adestrador.
Elena, finalista a mellor gardameta
A gardameta Elena, titular tamén coa Selección Española, coa que colgou o bronce no último Mundial, estaba tamén entre as dez finalistas a mellor porteira, pero finalmente a vencedora foi a italo-brasileña Ana Carolina Caliari Sestari. Desde o club destacan tamén ou compromiso e ou talento de Elena, quen agardan que siga compartindo tempadas con elas.
Carolina Pedreira tamén garda unha boas palabras para a súa compañeira: “A verdade é que Elena é unha das mellores porteiras do mundo. Non era unha sorpresa, porque o merece. Estou segura de que tanto eu como Elena alegrámonos polos nosos triunfos”. Aínda lles quedan moitos triunfos xuntas e de seguro non serán os únicos nas súas carreiras profesionais.

