O Dépor afonda a súa crise de resultados e cede unha nova derrota en Riazor, na despedida de Lendoiro

Mesmo na peculiar Liga de Segunda División é imposíbel ser líder cando só se suman 3 pontos en 5 partidos. O Dépor afondou a súa crise de resultados, embora se manteña en postos de ascenso direto. Lendoiro viviu o seu último xogo desde o palco.

faixa
photo_camera Cabeceira da marcha convocada polas peñas



Partido raro. Partido histórico. De emocións encontradas. O retorno de Valerón ao relvado en que foi o rei. A marcha de Lendoiro. Feche de fileiras arredor do canario por parte da freguesía branco-azul. Máis división no adeus do dirixente de Corcubión, presidente do clube no último cuarto de século. Predominaron os aplausos sobre os asubíos, mais tamén se percibiu certa canseira, certa indiferenza nas bancadas, con non poucos silencios.

As faixas foron para Lendoiro (unha enorme, no fondo dos Riazor Blues, dáballe as grazas) e tamén foi para Lendoiro a marcha que, á conclusión do encontro, reuniu a centos de seareiras e seareiros perante o estadio e posteriormente perante a delegación de Facenda, unha masa social que daba corpo á unha iniciativa de arredor de 56 peñas. Que piden? Basicamente que Facenda afrouxe a presión e que La Voz de Galicia, a poderosa armada anti-lendoirista, cese no que eles consideran campaña desinformativa contra o clube.

4 oportunidades de gol

No campo, o Deportivo non despachou o pior partido do curso. En ataque é posíbel contabilizar até 4 oportunidades de gol clara por parte do combo coruñés, o que é ben máis do que normalmente. Mais nen Rudy nen Luís, este en dúas ocasións, nen Núñez, no tramo final do encontro, foron quen de atinar coa bola. Mágoa. O Las Palmas, que apenas fixo máis que mostrar que ten unha boa relación coa pelota, limitouse a aproveitar un parvísimo penalti e a embocar unha xogada con cheiro a fóra de xogo. Suficiente para tirar os tres pontos de Riazor.

A JuanDo non lle chega con estar. Agárdase sempre algo máis del. E ultimamente ese "algo máis" non o dá.

En realidade, este Deportivo ten un problema de carácter. Mellor dito, ten o problema de que xa non ten a Culio. Culio era o carácter. O único futbolista con condicións para o suprir este domingo tampouco se vestiu de curto, Carlos Marchena, martirizado polas lesións musculares. Lástima que esteamos a falar dun fubolista con 34 anos e que, por tanto, ten xa certa propensión a se lesionar.

Hora é de que algúns futbolistas dean xa o estirón emocional en Riazor e nese sentido comeza a esgotarse a paciencia con JuanDo. Tampouco perante o Las Palmas compareceu o espigado futbolista, talvez acomplexado por se enfrentar co seu mestre, Valerón. Non é que o canario estivese especialmente inspirado. É que estaba. Máis que suficiente. A JuanDo non lle chega con estar. Agárdase sempre algo máis del. E ultimamente ese "algo máis" non o dá.

O 1-2 tomba o Deportivo do primeiro lugar da clasificación, mais iso non é o preocupante. O que inquieta é a má xeira de resultados en que se sumiu a equipa branquiazul neste ciclo de últimos 5 choques, saldado con dúas derrotas (Eibar e Las Palmas) e só tres empates. Tres pontos sobre 15. Que despois deste tormento a equipa manteña praza de ascenso direto é unha boa proba da igualdade -iguais na mediocridade- desta Segunda División.
 

Comentarios