56 peñas deportivistas piden a Facenda negociar un acordo e a La Voz de Galiza que cese na súa “enfermiza campaña desinformativa”

O deportivismo de base non para de bulir, inquieto perante a grave situación financeira que ameaza o clube. 56 peñas branco-azuis convocan este domingo unha concentración en Riazor á conclusión do Dépor-Las Palmas.

Toché
photo_camera Toché, novo futbolista do Deportivo

Até 56 peñas deportivistas, entre elas os Riazor Blues, mantiveron esta sexta feira unha cimeira na Coruña, traducida nun manifesto conxunto. As agrupacións de seareiras e seareiros piden ao Ministerio de Facenda, maior acreedor do clube, que se aveña a "consensuar un acordo" e que abandone a súa "actitude extrema de non negociar".

Para o deportivismo de base, a oferta de Facenda ao Deportivo é inaceitábel porque proporía asinar un convenio "cunhas porcentaxes e tempos de pagamento" moito menos favorábeis do que en acordos asinados con outros clubes "apremiados polas débedas dos anos dourados e competitivos da nosa liga".

Asinaron este texto conxunto as peñas seguintes: Penique, Miau Miau, Curriolos, Chusma Blanquiazul, Juan Domínguez Narón, Juan Domínguez Coruña, Deportivistas de Teixeiro, 1906 Cazolo Furado, Peña Deportivista de Ares, Verín Pablo Amo, Campeón Zaragoza, Peña Deportivista de Barcelona, As Somozas, Cheka, Centenariazo, Parke, Bodipo-Casa Freire, Jabalí, Comarca do Deza, Conxuro Branquiazul, Cataliño, A Ulla de Monterroso, El Bierzo, A Pera de Arzúa, Hotel Aeroporto Sul, O Previo, O Grove, Chaflán, La Cuesta, Centolo, Teixeiro, Laure, Pablo Insua de Arzúa, O Boi de Allariz, Dino´s, La Clave, El Toro, Turuto, Cambresa, Álex Bergantiños, Bicho Rivera, Fernando Vázquez, Pes K-2 Abegondo, Cerne Blanquiazul, Fran de As Pontes, Tablilla, Bruno Gama, RCD Meicende, Tabeiro, Javi Rego, Viana do Bolo, Roca de Vilalba, Ría de Ribadeo, Pardo de Cela de Alfoz, Rincón de Mondoñedo e os Riazor Blues. Respalda tambén este manifesto a páxina de Facebook EHNRS.

As peñas asinantes do manifesto achan que La Voz de Galicia está a presionar a Facenda co propósito de "alentar a liquidación" do Deportivo

Alén de se dirixir a Facenda, tamén o fan a La Voz de Galicia, rotativo que se ten caracterizado nos últimos anos por unha liña editorial moi agresiva con Lendoiro. En concreto, demandan ao diario propriedade de Santiago Rey que cese na súa  "enfermiza campaña desinformativa de acoso e derrubo sistemático ao Dépor e ao deportivismo".

As peñas branco-azuis asinantes do manifesto achan que La Voz de Galicia está a presionar a Facenda visando como único obxectivo "alentar a liquidación do noso histórico e centenario clube".

Hai tamén unha dedicatoria para a Alcaldía da Coruña, ocupada polo Partido Popular, formación política que nos últimos tempos ten apostado claramente pola candidatura de Tino Fernández á presidencia do clube (isto é, ten feito campaña contra Lendoiro, o que fora nos tempos de maior suceso do vazquismo o seu máximo referente local).

As peñas reprochan ao alcalde, ben como a "políticos municipais e poderes fácticos coruñeses", que nos días de viño e de rosas corresen a se fotografar no palco de autoridades e que, en troca, agora, co clube abafado pola súa situación financeira, "nunha das peores treboadas que se recordan nestas costas", din metaforicamente, deixasen a deriva a quen consideran "o verdadeiro buque insignia coruñés e galego".

Concentración

A conclusión do manifesto é a convocatoria dunha concentración este domingo 19 de Xaneiro ao termo do encontro que enfrenta o Deportivo co Las Palmas. Un choque moi especial porque será o último de Lendoiro no palco, após 25 anos de xestión ininterrumpida ao frente da presidencia do clube, e porque será o do retorno de Valerón, un dos futbolistas símbolo dos mellores anos da historia do deportivismo.

As peñas convocan a "toda a masa social deportivista" a se concentrar na porta cero do estadio para "exixir respeito" ao Deportivo e para "exercer presión para solucionar a devandita situación".

Toche pasa recoñecimento médico

Mentres tanto, o clube continúa a facer xestións para se reforzar no mercado de inverno. Así, esta mañá pasou recoñecimento médico o dianteiro Toche (1983), vindo do Panatinaikos, e todo apunta a que nas próximas horas se concretizará tamén a incorporación do extremo luso Salomão, un futbolista desequilibrante que retornaría a Riazor e en quen Fernando Vázquez confía para encher o oco deixado pola marcha de Culio.

Comentarios