Corredoiras gaña en Poio e segue líder na Liga Atlántica de Billarda

A undécima xornada reuniu equipos do norte e do sur.
A xornada xogouse en Poio (Foto: LNB).
photo_camera A xornada xogouse en Poio (Foto: LNB).

O campo de Billarda da Reiboa, en Poio (comarca de Pontevedra), unha instalación pioneira no deporte da billarda, acolleu a xornada undécima da Liga Atlántica de Billarda. Até ela achegáronse desde o norte Cochiqueiros, de Cerceda; Campo da Feira, de Paiosaco; e APB, da Laracha. Así, a rivalidade Norte-Sur estaba servida. 

No xogo, a nivel individual, gañou Eladio Varela, de Campo da Feira; e segundo foi Pepe de Corredoiras. En categoría feminina, levou o triunfo Lu, de Lúa de Forza; e segunda foi Bego, de Corredoiras. En categoría infantil, venceu Hugo, de Gharaboto; e segundo quedou Mauro, de Lúa.

Por equipos, gañou Corredoiras (66 puntos), seguido de Lúa (61 puntos). En equipos F, venceu Gharaboto (37 puntos) e segundo foi Lúa F (29 puntos). 

Sen cambios na xeral

Despois de sumar os puntos desta xornada, as clasificacións case non cambiaron. A mudanza chegou nas posicións de podio na categoría individual absoluta.

Nela, a ausencia de Charri favoreceu a Ricar que agora sitúase en terceira posición. Álvaro, pola súa parte, continúa defendendo o seu liderado empatado a puntos con Xan. Na categoría individual feminina, Bego (174 puntos) distánciase de Tania (169 puntos). 

 Na categoría individual infantil, Hugo (157 puntos) continúa achegándose a Xián (167 puntos) que se mantén firme e regular aínda que en pugna con Hugo. En equipos, Corredoiras continúa líder con 28 puntos de distancia sobre Gharaboto

Na categoría equipos F, a vitoria de Gharaboto F mételle  emoción á competición. Hai un par de xornadas todo parecía decidido a favor de Valpaços F e agora a tendencia di que o equipo de Marín vai loitarlle o título con moitas opcións de alcanzar e superar ao equipo de Vigo.

Comentarios