Chega a Moaña o 'Endurrazo', segunda etapa da Copa de España de Enduro
A Copa de España de Enduro chegará o sábado, 6 de abril, e o domingo día 7, á súa segunda parada co 'Endurrazo', unha proba "que xa é un referente do calendario estatal da especialidade", tal e como destacou a Real Federación Española de Ciclismo (RFEC), lembrando que "formou parte do circuíto durante os últimos anos" e que en 2019 "acolleu o Campionato de España".
Nesta ocasión, o Endurrazo 2024 desenvolverase no municipio de Moaña (O Morrazo) baixo un formato de festival que promete facer as delicias dos e das participantes e asistentes polas diversas alternativas de lecer que ofrece.
Ademais, contará como gran reclamo cun tramo nocturno dun quilómetro, completamente iluminado, que se disputará durante a noite do sábado, unha iniciativa que xa foi todo un éxito na pasada edición e que neste 2024 volverá repetir a organización, que correrá a conta de THC Bike Club.
Os adestramentos quedaron totalmente prohibidos estes últimos días, estando autorizados tan só desde a sexta feira cos libres, aos que seguirán xa o sábado os previos a unha competición que, ademais do tramo nocturno, terá con catro 'especiais'.
En canto á participación, cabe destacar de entre os e as máis de 300 rexistradas a Sara Yusto, Natalia Menéndez e Marta García como principais candidatas á vitoria, mentres que no referente aos homes Marco Veiga, Edgar Carballo, Mauro González e Mario Palacio postúlanse como grandes favoritos á gloria.
Volta a Lugo Máster
Un ano máis, o Club Ciclista Chantadino trae a Volta a Lugo Máster, competición que repite o formato dos últimos anos e que nesta ocasión terá valor triplo, pois ademais da xeral tamén estarán en xogo a Copa Galiza e o Galego Contra o Reloxo.