O Celta xógase até 40 millóns de euros nos próximos dous meses
Esta tarde (18.45 horas) o Celta afronta unha cita das máis ilusionantes e exixentes dos últimos anos. Os vigueses enfrontaranse ao Olympique de Lyon en Francia no partido de volta dos oitavos de final da Europa League. Pola competición e a categoría do rival, para moitos seareiros e seareiras do conxunto celeste é o encontro máis ilusión esperta desde que, en maio de 2017, se enfrontaron ao Manchester United nas semifinais da mesma competición. Hoxe, o obxectivo é dobre: por un lado, acceder aos cuartos de final do torneo, onde se medirían ao Genk ou ao Friburgo; e por outro, mellorar no aspecto económico. A UEFA reparte moito diñeiro aos equipos que avanzan nas súas competicións e o Celta quere sumar o máximo posíbel para mellorar as súas contas.
Moito se falou nos últimos meses das finanzas do club. Os últimos tres exercicios da entidade viguesa saldáronse con perdas, algo que non queren que se repita no presente, que remata o 30 de xuño. Isto, a pesar de que asinaron traspasos millonarios como os de Strand Larsen, Gabri Veiga ou Fer López. Un aumento importante no gasto do límite salarial e algúns malos investimentos explican esta situación. Neste sentido, na Sede orzaron ingresos extraordinarios por vendas de xogadores por valor duns 33 millóns de euros para esta tempada, aínda que o bo facer en Europa e as operacións realizadas en xaneiro reducen esa cifra até uns 18 millóns, unha cantidade aínda elevada que en Vigo queren seguir reducindo. E téñeno na man porque nos próximos dous meses poden asegurarse até 40 millóns de euros.
O máis inmediato é o que poida gañar o club pola súa andaina na Europa League, onde xa está por riba do inicialmente previsto pola Liga. A patronal, presidida por Javier Tebas, orzara a principio de curso uns ingresos totais de 10 millóns de euros pola participación co Celta na competición continental. De feito, situara os vigueses lonxe do ‘top 24’ que daba dereito ás roldas eliminatorias. Os celestes foron cabezas de serie nos dezaseisavos, onde eliminaron o PAOK, e agora están a unha vitoria de acceder aos cuartos de final tras o empate fronte ao Lyon no encontro de ida.
Até o momento, o Celta asegurouse uns 16 millóns de euros, unha cifra algo inferior á que conseguiu a tempada pasada a Real Sociedade, que quedou eliminada na mesma rolda da Europa League. Se hoxe os vigueses pasan aos cuartos de final, aseguraranse outros 2,5 millóns de euros, ademais do que poidan xerar por venda de entradas e outras partidas, como por exemplo a televisión. Se pasan a semifinais, o diñeiro seguro serían outros 4,2 millóns de euros, mentres que os finalistas obterán sete millóns e o gañador, seis millóns adicionais. En total, poderían ser perto de 20 millóns máis para o Celta se gaña o torneo.
A praza europea extra
Pero o Celta no só se xoga en Europa moitos cartos. Grazas ás actuacións dos distintos equipos do Estado español nas tres competicións continentais, a Liga ten na man unha praza extra para a próxima tempada. Isto implicaría que cinco equipos disputasen a Champions League, dous a Europa League e un a Conference. Isto, sempre que Betis, Celta ou Raio non gañen cadanseu título europeo este curso, o que podería provocar que fosen nove os equipos do Estado en Europa. No primeiro caso, a Champions é o torneo que reparte máis diñeiro, e o Celta non está tan lonxe.
Despois do seu empate en Sevilla o pasado domingo, os vigueses están a tres puntos do Betis, quinto clasificado e que, de momento, disputaría a principal competición europea de clubs. Ambos os equipos teñen o golaverage particular empatado e no xeral están moi igualados tamén, polo que todo se decidirá nas últimas dez xornadas de Liga. A Real Sociedade tamén está perto dos dous. E ser quintos significa moito para a economía destes equipos. Como exemplo, o visto esta mesma tempada con outros dous clubs da Liga.
O Vilarreal fixo unha fase de liga da Champions moi pobre, sumando só un punto en oito partidos e quedando penúltimo. A pesar de todo, o conxunto amarelo gañou uns 20 millóns de euros, unha cifra á que o Celta só chegaría se se planta en semifinais da Europa League. O Athletic, que rendeu algo mellor pero que tampouco se meteu entre os 24 mellores, ingresou case 27 millóns de euros. Se o Celta finaliza quinto en Liga e o ano que vén xoga a Champions League, terá case asegurados entre 20 e 25 millóns de euros, unha cantidade elevadísima.
Así pois, se aos vigueses lles saíse todo redondo —o que significaría gañar a Europa League e xogar a próxima Champions League—, aseguraríanse entre 40 e 45 millóns de euros. Esta cifra non só poría fin aos seus ‘problemas’ económicos a curto e medio prazo, senón que tamén permitiría ao club afrontar o próximo mercado de fichaxes con moito máis poder para convencer grandes xogadores. É certo que en Vigo aprenderon a lección e non se endebedarán por riba das súas posibilidades, pero tamén o é que os vindeiros dous meses poden mudar os seguintes anos do Celta.

