O Celta, optimista cos seus cedidos para afrontar fichaxes máis ambiciosas
O Celta está a comezar a perfilar o seu equipo para a próxima tempada, decidindo os xogadores que van saír e buscando aqueles perfís que necesitará atopar no mercado. Para saber quen poden chegar a Vigo, será necesario coñecer o futuro dos seus cinco cedidos. E de momento, as noticias son boas para o club.
O Celta está a afrontar as súas semanas de máis traballo en case unha década. Esta quinta feira o equipo vigués disputou a ida dos oitavos de final da Europa League ante o Olympique de Lyon –un partido que non rematara ao feche desta edición–. En dous días, xogará un encontro clave en Liga fronte ao Betis para intentar ascender á quinta posición da clasificación. Mentres, o club traballou nunha campaña de marketing con Madonna como protagonista, que tivo repercusión mundial, e prepara novas accións para a festa da Reconquista e a Semana Santa. Todo isto, mentres a dirección deportiva xa está centrada na planificación da próxima tempada, para a que manexan varias liñas de traballo en función de se o equipo volve disputar competicións europeas. Neste sentido, non é o mesmo xogar a Champions League que a Europa League ou a Conference. O que si teñen claro na Sede é que, para o equipo do próximo curso, será importante coñecer o futuro dos cinco xogadores que ten cedidos en diferentes equipos, e hai bastante optimismo ao respecto.
Entre o pasado verán e o mes de xaneiro, o Celta repartiu cinco futbolistas cos que non contaba no primeiro equipo. A idea era evidente: que tivesen os máximos minutos posíbeis, algo do que non ían desfrutar en Vigo. Nun deses casos, o de Damián Rodríguez, existe a posibilidade de que volva vestir a camiseta celeste, aínda que no club non se atreven a aseguralo. Co resto dos xogadores, a intención era que sumasen moitos partidos para poder atopar un equipo no que continuar as súas carreiras este mesmo verán, buscando sobre todo un traspaso co que recuperar parte do investimento realizado en cada caso. Son Manu Sánchez, Carlos Dotor, Carles Pérez e Unai Núñez. E, de momento, as noticias son positivas.
Os cinco xogadores están tendo presencia nos seus respectivos equipos. De feito, os cinco están tendo moitos minutos e poden considerarse titulares indiscutíbeis, que era o que buscaban en Vigo. Por iso, as cesións xa se consideran un éxito na Sede. Agora falta o máis complicado: que algún equipo estea disposto a pór millóns enriba da mesa para quedar con eles. Non todos os casos son similares, nin tampouco as posíbeis solucións. As máis sinxelas parecen ser as de Damián e Carlos Dotor.
Os dous centrocampistas teñen contrato co Celta até xuño de 2028 e moi poucas opcións de ter un oco no primeiro equipo a próxima tempada. No caso do xogador de Ponteareas, existe un acordo verbal co Racing para que siga en Santander o próximo curso se así o desexan, aínda que non teñen unha opción de compra como tal, nin sequera en caso de ascenso. Indiscutíbel para o seu adestrador desde case o primeiro día, en Santander veno como parte do equipo moitos anos. Dotor tamén está tendo moita participación nun Málaga que está nos postos de honra, e non se descarta que poidan pagar unha cantidade pequena polo seu traspaso. En todo caso, non lle van faltar pretendentes no verán, pero en Vigo ten as portas fechadas.
Moitos cartos
Hai tres casos nos que o Celta xoga moito diñeiro. Carles Pérez e Unai Núñez teñen salarios moi elevados, próximos aos dous millóns de euros netos por tempada, e foron fichados polo anterior director deportivo, Luis Campos. Ningún dos dous conta para Giráldez e o club quere desfacerse deles, aínda que non da mesma maneira. No caso do extremo catalán, Carles Pérez, quédalle un ano de contrato e no club teñen claro que ninguén vai pagar un traspaso por el. No horizonte, aparece outra cesión na que outro equipo pague parte do seu soldo ou, incluso, unha rescisión se se chega a un acordo con el e renuncia á metade do seu salario. É titular no Aris grego.
Co caso de Unai Núñez hai más dificultades, xa que aínda ten tres tempadas máis de contrato e o xogador non quere perder diñeiro. Comezou a tempada cedido en Verona, xogando moito, pero en xaneiro cambiou de aires e fichou polo València, onde xa é un dos líderes na defensa. En Mestalla, con todo, non están dispostos a igualar o soldo que ten en Vigo, que o convertería case no mellor pagado
do equipo.
Manu Sánchez tamén está xogando moito no Levante, pero o equipo non vai exercer a opción de compra (duns cinco millóns de euros). Tampouco lle faltarán pretendentes no verán e o normal é que volva sair cedido e, así, liberar o seu salario. Conseguir as saídas destes tres xogadores marcará parte do mercado de fichaxes do Celta. O club logrará reducir moito o seu límite salarial coas marchas de Cervi, Ristić, Aidoo e ao deixar de pagar a liquidación de Rafa Benítez, pero precisa máis aforro. Se consegue non ter que pagar os elevados salarios de Unai Núñez e Carles Pérez, terá máis diñeiro para fichar xogadores con soldos altos que melloren ao equipo vigués. En Vigo, hoxe en día, hai moito optimismo e creen que van conseguir que saian cedo no verán, o que permitirá ao club fichar bos futbolistas. Os cedidos serán clave no próximo cadro de xogadores.
Os vigueses son os reis do tempo engadido
O Celta é un equipo moi particular. Claudio Giráldez nunca repite unha aliñación e é moi habitual que os xogadores pasen cada pouco polo banco. Un exemplo verémolo esta semana: gran parte dos que onte foron titulares ante o Lyon comezarán o partido do domingo contra o Betis como suplentes. O adestrador do Porriño dá moita importancia aos cambios e ao nivel que poden achegar nas segundas partes. E, de momento, é o equipo que más goles marcou no tempo de desconto en toda a Liga.
Son sete os tantos dos vigueses no tempo engadido que lles deron até cinco puntos esta tempada. O seguinte na clasificación é o Osasuna, con seis goles máis aló do minuto 90. Os dous primeiros goles no desconto chegaron nas xornadas tres e catro, ante Villarreal e Girona, con Borja Iglesias como protagonista. Eses dous goles permitiron ao Celta empatar eses partidos.
O seguinte en ver portaría nos últimos minutos foi Miguel Román en València para que os vigueses gañaran ao Levante na xornada 11. Posteriormente, Swedberg ante o Real Madrid no Bernabéu e Hugo Álvarez contra o València certificaron cadansúa vitoria con goles no tempo de desconto. Os dous últimos tantos no engadido foron obra de Borja Iglesias, ante o Espanyol, e de Iago Aspas, fronte ao Mallorca.

