PREVIA | O Celta encoméndase a Balaídos para a salvación

Intensísima fin de semana de fútbol na que a Primeira División baixa o pano da tempada 2022/23 cun Celta que depende de si mesmo para lograr a permanencia. Tamén está nas botas dos xogadores do filial celeste e do Dépor comezar con bo pé un play-off de ascenso que, asemade, disputa o feminino da escuadra herculina. 
O compromiso de Iago Aspas é tan grande que, a pesar dos seus problemas físicos, afirmou que xogaría mañá "até en cadeira de rodas". (Foto: EP).
photo_camera O compromiso de Iago Aspas é tan grande que, a pesar dos seus problemas físicos, afirmou que xogaría mañá "até en cadeira de rodas". (Foto: EP).

Di Meteogalicia que mañá ás 21 horas, cando está previsto que o balón bote a rodar no transcendental Celta-Barcelona en Balaídos, o gris cubrirá os ceos olívicos, pero o que non reflicte a axencia nas súas previsións é que a cor celeste habitual na atmosfera nesta época do ano se trasladará en masa a unha cidade de Vigo que se entregou absolutamente no apoio ao seu equipo para a consecución da difícil meta da permanencia na Primeira División.

Os boletos, a pesar da apertura in extremis da nova bancada de marcador, esgotáronse en apenas catro horas, polo que o coliseo olívico presentará a súa mellor entrada desde o inicio das súas obras de reforma. Tal é o desexo da parroquia celtista de asistir ao transcendental xogo que os revenda están facendo en xuño o seu particular "agosto", ofrecendo na internet  tickets a prezos desorbitados.

Movendo o foco ao terreo de xogo, e como xa analizamos en Nós Diario, as contas da salvación están claras: un triunfo sobre o campión é sinónimo de permanencia, mentres que un empate ou unha derrota deixará o Celta a expensas do que aconteza nos partidos Elxe-Cádiz, Espanyol-Almería, Betis-Valencia e Valladolid-Xetafe, tendo estatisticamente peores probabilidades de conseguir salvarse que o resto de conxuntos implicados.

Consciente da magnitude do desafío, Carlos Carvalhal tratará de armar un bloque o máis sólido posíbel no que non estará un dos homes máis importantes nos seus esquemas, o central Joseph Aidoo, a causa dunha rotura fibrilar. Por fortuna, Fran Beltrán e un Iago Aspas que afirmou que xogaría "incluso en cadeira de rodas" evolucionan positivamente das súas molestias, polo que o preparador portugués podería optar por un once con Iván Villar; Hugo Mallo, Tapia, Núñez, Javi Galán; Beltrán, Gabri Veiga, Óscar, Carles Pérez; Larsen e Aspas.

Primeiro 'match ball' para Deportivo e Celta B

Confirmado o ascenso directo do Rácing de Ferrol -que ás 18 horas de hoxe colisionará co Amorebieta para decidir quen se fai co título de campión da Primeira Federación-, Deportivo da Coruña e Celta B dan o primeiro paso para lograr o soño de que tres equipos galegos militen a próxima campaña na Segunda División.

O primeiro en entrar en acción será o filial celeste, que xoga hoxe (17 horas) contra o Eldense no partido de ida da primeira rolda do play-off . 

As súas posibilidades de éxito, como sostivo o seu preparador, Claudio Giráldez, radican no "orgullo" e a "identidade" dun grupo de rapaces que, non obstante, poderían verse prexudicados por un hipotético descenso do primeiro equipo, que impediría automaticamente a súa promoción.

O conxunto branquiazul, pola súa parte, terá que agardar até as 19 horas de mañá para recibir en Riazor o Castellón, un conxunto que rematou en terceira posición no Grupo '2' da Primeira RFEF. 

Sen o seu máximo goleador, Quiles -lesionado-, e coa dúbida dun Lúcas Pérez que tivo que adestrarse individualmente a causa dun forte golpe que recibiu en Pasarón o pasado domingo, Rubén De la Barrera é consciente de que tamén loita "contra o tempo" para conseguir un triunfo que facilite o partido de volta no Nou Castàlia. 

As mulleres do Deportivo, a un chanzo da Liga F 

E se Celta B e Dépor masculino queren subir á segunda categoría, o feminino branquiazul aspira a alcanzar a elite da Liga F, meta para a que só lle queda por superar o Granada nunha eliminatoria a duplo partido.

O primeiro enfrontamento galego-andaluz será tan cedo como hoxe ás 20 horas da tarde no Estadio dos Cármenes da capital nazarí. O segundo, pola súa parte, será en Abegondo o sábado 10.

Comentarios