O Celta ten 58% de opcións de descender

Analizamos as posibilidades que teñen os olívicos de seguir na Primeira
O conxunto celeste está obrigado a deixar atrás a autocompaixón para encarar coa actitude debida a finalísima ante o Barcelona. (Foto: LFP).
photo_camera O conxunto celeste está obrigado a deixar atrás a autocompaixón para encarar coa actitude debida a finalísima ante o Barcelona. (Foto: LFP).

Sacamos a calculadora para calcular as probabilidades que ten o único equipo galego na máxima categoría de permanecer na elite futbolística durante unha tempada máis.

Ninguén podería prever a principios de abril, cando ocupaba a décima posición logo de empatar a domicilio co Sevilla e acumular así sete partidos sen perder, que o Real Club Celta chegaría con posibilidades máis que reais de descender á última xornada.

Porén, desde entón a escuadra olívica tan só gañou un encontro, asinou  táboas noutro e perdeu os sete restantes, o que  a deixa actualmente na posición 17 da clasificación con 4o puntos. Por debaixo tan só figuran os xa descendidos Elxe (24) e Espanyol (36), mentres que o Valladolid é o equipo que marcaría o limiar do descenso (39). Por enriba, os conxuntos con opcións de caer ao pozo son Almería (40), Valencia (41), Xetafe (41) e Cádiz (41).

Esta igualdade abre o abano de opcións na derradeira xornada de campionato, na o Celta recibe un Barcelona xa campión que chegará a Vigo sen xogarse nada; Valladolid e Xetafe protagonizarán un duelo a vida ou morte; o Almería encara un choque fácil ante un Espanyol xa descendido, mesma situación para o Cádiz na casa do Elxe; e o Valencia visitará o campo dun Betis que cumpriu o obxectivo da clasificación para a Europa League na última data.

As contas para a salvación celeste son claras. Se supera o Barça, continuará na Primeira División. En caso de empate ou derrota e cando comezan os problemas. De concluír en táboas o Barça-Celta, necesitaría dunha pouco probábel derrota do Almería no RCDE Stadium. E se perde, precisaría que o Valladolid tamén caese contra o Xetafe.

Con todo, en caso de triplo, cuádruplo ou até quintuplo empate entre os bloques implicados o Celta sairía moi mal parado, pois sería el o descendido en todos os escenarios nos que se vise involucrado.

Tendo en conta todo o anterior, e empregando como ferramenta a Intelixencia Artificial, que construíu un escenario baseado no estudo das 243 combinacións posíbeis de resultados nos cinco partidos decisivos, o Celta ten 57,61% de posibilidades de baixar, o que máis de entre todos os contendentes.  

Pesimismo na parroquia celeste

O escenario que afronta o Real Club Celta non é tan grave como o que encarou en 2013, no que tiña unicamente 4% de posibilidades de salvarse e nin sequera dependía de si mesmo.

E, a pesar de ter todo na súa contra, a escuadra olívica logrou a permanencia, nun exemplo ao que unha década máis tarde se encomenda unha parroquia celeste que, polo xeral, afronta con pesimismo o compromiso ante o Barcelona.

"Somos, co Valladolid o equipo que ten máis probabilidades temos de descender, e estanse a dar todas as circunstancias para facelo", sinala para Nós Diario o presidente da Federación de Peñas Celtistas, Pepe Méndez.

A coincidencia co centenario agrava esa sensación de desánimo entre unha afección que protagonizou esforzo tras esforzo en forma de recibimentos aos futbolistas e presenza masiva nas bancadas, o que non significa que arroxen a toalla de cara ao compromiso ante o Barça: "A pesar de todo, debemos pór toda a carne no asador no que a nós nos corresponde, que é apoiar a morte ao equipo, está claro que non imos fallar". 

Comentarios