Celta e Lugo non conseguen sumar de tres en tres nunha xornada na que o Dépor cae dos postos de ascenso

Os berros de De la Barrera desde a banda non serviron de nada e suma só dous puntos sobre nove. (Foto: RC Deportivo).
Intensa xornada para o fútbol galego, na que o Celta sacou un empate de Granada e o Lugo caeu na casa do Leganés, un rival directo. Na Segunda B, o Dépor afúndese ante a presión de Compos (vitoria ante o Coruxo), Rácing (empate en Zamora), e Celta B (empate co Pontevedra), que ademais aínda teñen partidos adiados pendentes de disputar.

Esgotados todos os titulares altilocuentes do estilo "O peor Deportivo da historia" ante os constantes golpes de realidade padecidos polo conxunto coruñés, non queda senón limitarse a reflectir sen dramas a realidade dun club que comezou a tempada 2020/21 coa bitola de ser o mellor equipo que endexamais pisase os céspedes da categoría de bronce e que, a día de hoxe, acumula máis de dous meses sen coñecer a vitoria, seis partidos negros nos que sumou tres puntos de 18 posíbeis.

Estas cifras fixeron que a escuadra branquiazul pasase da cabeza da táboa até o cuarto posto, fóra das prazas que dan acceso á fase de ascenso a Segunda División. Pero mal faría o Deportivo en seguir pensando nunha quimérica subida de categoría cando por detrás asexan Rácing, Celta B e Pontevedra, que están a un, dous e tres puntos dos coruñeses cun partido menos, dous no caso do filial celeste.

Así, logo do empate sen goles entre Dépor e Unionistas, o triunfo do Compostela no derbi galego ante o Coruxo (3-2) resulta aínda máis valioso, pois grazas a el un equipo configurado para a permanencia e que o ano pasado estaba en Terceira agora soña cun hipotético ascenso a Segunda.

Tamén miran alto Rácing de Ferrol, que rañou un empate (1-1) na casa do sempre aguerrido Zamora, e o Celta B, que conseguiu sumar un novo punto en Barreiro ante o complicado Pontevedra de Charles e compañía.

Gris empate do Celta

Nun encontro marcado polos tremores de terra que sufriu a cidade de Granada nos últimos días -tan só durante as dúas horas que se estendeu o partido tiveron lugar catro terremotos de até 2,5 graos de intensidade-, o Celta volveu de Andalucía cun gris pero valioso punto.

As notas celestes máis destacadas ante o Granada do vigués Diego Martínez foron un inane regreso de Iago Aspas; a ausencia, semella que definitiva, do até agora imprescindíbel Lúcas Olaza, que reforza un rival directo como é o Valladolid; e a estrea do arxentino Augusto Solari como futbolista celeste, quen na media hora que permaneceu sobre o céspede do Nuevo Los Cármenes non tivo oportunidade de demostrar a súa calidade.

O Lugo cae en Leganés

A escuadra albivermella, pola súa banda,  perdeu na casa do Leganés, un rival directo (3-2) na loita por entrar no 'play-off'.