Iago Aspas lidera o Celta no 'match ball' por Europa

A estrela do Celta volve xusto a tempo para disputar un partido no que unha derrota sería a fin das aspiracións europeas celestes, mesma situación na que se atopa o Lugo con respecto aos postos de 'play-off'. Na Segunda B os focos estarán en Riazor, onde un Dépor en crise recibe o intratábel líder da categoría, Unionistas. 
A volta de Iago Aspas resulta fundamental para os intereses celestes, pois sen el o equipo leva dous anos sen saber o que é gañar. (Foto: RC Celta).
photo_camera A volta de Iago Aspas resulta fundamental para os intereses celestes, pois sen el o equipo leva dous anos sen saber o que é gañar. (Foto: RC Celta).

Do mesmo modo que se adoita dicir que os cartos "non dan a felicidade, pero axudan", a presenza de Iago Aspas sobre un terreo de xogo non significa que o Celta vaia gañar o seu partido, pero abofé que terá moitas máis posibilidades de facelo que se non estivera.

Afortunadamente para o conxunto celeste, que leva máis de dous anos sen saber o que é a vitoria sen o de Moaña, Aspas volverá da súa lesión xusto a tempo para pisar o céspede do Nuevo Los Cármenes de Granada (este domingo ás 18.30 horas), onde a terra segue tremendo esporadicamente.

O choque resultará vital para determinar as futuras aspiracións da escuadra da cidade olívica para o que queda de tempada, pois actualmente ocupa a décima posición con 24 puntos e o Granada, dirixido polo galego Diego Martínez, é sétimo con 28. En caso de perder, o Celta quedaría -case- definitivamente apartado da loita polos postos que dan acceso a Europa.

Quen non estará ante o conxunto nazarí será un dos mellores futbolistas vigueses no que vai de tempada e o protagonista da actualidade celeste ao longo da semana, Olaza, quen se atopa cun pé e medio fóra do club. Xa que logo, e descartado un dos seus -até o de agora- homes fundamentais, Coudet podería formar con Rubén na porta; Hugo Mallo, Araújo, Murillo e Aarón na defensa; Tapia, Denis, Renato e Augusto, que debutará como xogador do Celta, no medio; e Santi Mina e Iago Aspas na dianteira.

O Lugo ten que gañar para poder mirar a Primeira

A xornada 23 da Segunda División depara para o Club Deportivo Lugo un reto análogo ao que afrontará o Celta en Granada, pois necesita de maneira imperiosa a vitoria ante un rival directo como é o Leganés (1 de febreiro, 19 horas) para non perder o tren do ascenso a Primeira.

Os albivermellos son décimos, aínda que con tan só tres puntos menos que o conxunto pepinero, que ocupa a sexta praza, a última que dá acceso a disputar a fase de ascenso á máxima categoría. 

A pesar da súa privilexiada posición, este Leganés estaba concibido para pelexar por cotas máis altas, e por iso ante o Lugo estreará adestrador, Asier Garitano, logo de que hai tan só catro días fose destituído Pep Lluís Martí, nome de infausta lembranza na Coruña.

Resucitar ou afundirse, as alternativas do Dépor

O mallorquino foi o técnico deportivista entre abril e xuño de 2019, fracasando no seu obxectivo de devolver o equipo á Primeira División. Parece incríbel, pero en pouco máis de ano e medio pasaron polo Dépor catro adestradores, e o último deles, Rubén De la Barrera, semella xa moi tocado despois de tan só dous partidos á fronte da escuadra coruñesa. 

Tras sumar un punto de seis posíbeis, o choque de mañá ás 19 horas ante o sólido líder da categoría, Unionistas de Salamanca, semella o peor dos escenarios posíbeis para que o Deportivo da Coruña demostre dunha vez por todas por que a principios da tempada estaba considerado como o máximo favorito ao ascenso.

 O principal beneficiado da crise de xogo e resultados branquiazul podería ser o Rácing de Ferrol, que se logra gañar ao Zamora a domicilio (este domingo, 17 horas) entraría nuns postos de ascenso aos que aínda non renuncian o resto das escuadras galegas da categoría, que se enfrontarán nun duplo derbi na xornada 12.

O primeiro será hoxe ás 16 horas, onde o Pontevedra tentará apurar no campo do Celta B as súas derradeiras opcións de reengancharse á zona nobre da táboa. Ao día seguinte, tamén ás 17 horas, Compostela e Coruxo disputarán no Vero Boquete un choque no que os de Vigo necesitan gañar para aumentar a distancia cos seus perseguidores, Salamanca e Guijuelo.

Comentarios