O Celta confirma a lesión muscular de Iago Aspas

O dianteiro celeste non xogará o partido desta sexta feira.
Iago Aspas, á dereita, antes de comezar o partido ante o Rácing. (Foto: RC Celta)
Iago Aspas, á dereita, antes de comezar o partido ante o Rácing. (Foto: RC Celta)

O Celta de Vigo emitiu esta terza feira o seu parte médico oficial sobre a situación do capitán do equipo, Iago Aspas. Malia que a nota non é extensa, confirma que o dianteiro celeste ten unha lesión muscular e que está pendente de realizarse unhas probas médicas.

O moañés lesionouse no partido correspondente aos dezaseisavos da Copa no encontro que o seu equipo xogou en Cantabria ante o Racing de Santander. A vitoria final dos pupilos de Claudio Giráldez escureceuse pola complicación ante os seguintes compromisos que ten como por exemplo o partido da seguinte xornada que será en Madrid esta sexta feira ante o Raio Vallecano .

No parte médico publicado na súa páxina web indican que Aspas sofre unha lesión no sóleo esquerdo. Ademais, indican que terá tratamento de fisioterapia e que o xogador está pendente de probas.

Participación en dúbida

Tras o encontro de Copa, Claudio Giraldez xa confirmaba que podía haber lesión, aínda que o xogador ten experiencia e retirouse antes de sufrir unha forte rotura. "Tiña unha molestia no xemelgo, púxoselle duro e esperemos que non sexa nada. É intelixente e quixo parar", aseguraba o técnico porriñés, "oxalá sexa o menos posíbel e non haxa rotura, mais é cedo", agregaba en rolda de prensa. 

Se se confirma a baixa por problemas musculares, o capitán do Celta, ademais de perderse a viaxe para xogar ante o equipo madrileño, tamén estaría en dúbida a súa presenza no compromiso copeiro de oitavos -do que esta cuarta feira se saberá o rival- e tamén perigaría a xornada 20 da máxima categoría ante o Athletic de Bilbao en Balaídos. Outra das incógnitas, que se resolverá cando Giráldez faga pública a listaxe previa para esta sexta, é ver quen ocupa o seu lugar.

Comentarios